Os socialistas defenden o impulso das infraestruturas viarias na provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O Secretario Xeral cuantificou en 238 millóns de euros o investimento do Estado
tome-patricia-otero-lara-mendez-psoe-provincia-lugo
Presentación do balance de investimentos do PSOE
12 Jul 2024

O secretario xeral do PSdeG da provincia de Lugo, José Tomé, e a deputada Patricia Otero, representante socialista na Comisión de Transportes do Congreso, ademáis de secretaria de Infraestruturas do PSdeG, defenderon hoxe o impulso que o Goberno central lle está a dar á rede de estradas do Estado en Galicia, e en particular na provincia lucense. Tomé e Otero compareceron na compaña do senador César Mogo e a deputada autonómica Lara Méndez para detallar os investimentos que o Executivo de Pedro Sánchez está a desenvolver en materia de infraestruturas viarias para volver poñer a provincia “no mapa” despois de “anos de esquecemento” por parte dos gobernos populares de Rajoy, sinalou Tomé Roca.

O Secretario Xeral cuantificou en 238 millóns de euros o investimento do Estado nas estradas da provincia durante os últimos anos, que demostran “con feitos” o compromiso do Goberno con Lugo. Esa cifra tamén desmonta, en palabras de Patricia Otero, a “campaña de mentiras e de bulos por parte do PP de Lugo respecto ás infraestruturas de competencia estatal”.

A deputada atribuíu a devandita campaña á necesidade do PP de “tapar as súas vergoñas, de tapar o que non fai a Xunta”, ademais de tratar de ocultar que foron os populares “os que paralizaron obras fundamentais” para a provincia. Ao contrario, dende que Pedro Sánchez tomou posesión, “cobraron un impulso”, dixo para poñer como exemplo a A-54, que unirá Lugo con Santiago. “O tramo Melide-Palas estará listo a finais do 2024 e o de Arzúa a Melide o ano que vén”, sinalou.

Otero destacou tamén que, ademais de obra nova, neste momento estase acometendo un programa de conservación para solucionar os problemas derivados da falta de mantemento durante o goberno de Rajoy. “Son cantidades moi importantes as que se están a mobilizar para reparacións: máis de 38 millóns para a renovación do firme da A-6”, explicou a modo de exemplo.

Tamén salientou que o Executivo central “foi rápido” á hora de atallar emerxencias, como ocorreu coa caída dos viadutos do Castro. “Vimos como cumpriu os prazos. A finais do 2023 xa se abría unha calzada, e o compromiso é que a outra estará lista a finais do 2024”, avanzou.

A secretaria de Infraestruturas do PSdeG recordou que “en datas similares” ao derrubamento desas pontes tamén se desplomaron arredor de 200 metros dunha estrada autonómica no Courel, “e aínda non sabemos cando vai estar restituída”, subliñou sobre “dúas formas moi distintas de abordar os problemas”.

Entre outras actuacións previstas ou xa en execución, Patricia Otero enumerou reparacións na Nacional-120 (16 millóns), obras de conservación na A-8 (21 millóns durante os últimos anos) ou os avances nos sistemas antinéboa nesta autovía. “O PP parecía querer confundir á cidadanía dicindo que non se fixera nada para solucionar o problema da néboa no Fiouco”, lamentou para informar de que durante todo o 2023 ese tramo permaneceu pechado unicamente 14 horas, mentres que en anos anteriores á instalación de nova balizas non se podía circular por el unha media de 700 horas. “E estase a traballar nun novo sistema láser”, engadiu.

Outra importante obra para a provincia é a A-74, que avanzou que terá “un impulso decidido” nos orzamentos dos vindeiros anos porque se trata dunha infraestrutura “moi necesaria” para unha zona moi habitada como é a da Mariña. “Pero tamén lle esiximos á Xunta que lle dea un impulso á vía de alta capacidade da costa norte”, matizou sobre a continuidade das comunicacións cara as comarcas de Ortegal e Ferrolterra. “Nós pedimos o mesmo ao Goberno central que á Xunta, independentemente da cor política”, dixo.

Otero amosouse crítica, nese senso, coa disparidade de criterios dos populares en función de quen goberne. “Se agora din estar preocupados polas infraestruturas, que acontecía durante os anos que gobernou Rajoy? Cal foi a obra de entidade do Goberno de Rajoy na provincia? Ningunha”, relatou.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18897700309753