Os socialistas de Portomarín denuncian o atraso do Pleno por máis de 15 días

LugoXa
O voceiro do PSdeG explica que tras acordar co rexedor que a sesión municipal podería celebrarse venres ou sábado, este finalmente fixou a reunión da corporación para mediados de xullo
concello-de-portomarin-casa-consistorial
30 Xuño 2024

Os socialistas de Portomarín denuncian que o alcalde “falta a súa palabra” e atrasa o Pleno que tiña que celebrarse este mes máis de 15 días. Explica o voceiro do PSdeG no municipio, Marcos Arias, que falou co rexedor e acordou con el que a sesión da corporación local podería celebrarse o venres 28 ou sábado 29, aínda que acabou fixando a reunión para mediados de xullo.

“Este Concello ten asuntos importantes que non poden esperar, como a falta de médicos, a necesidade dunha RPT, a mellora do abastecemento da auga e a creación de vivenda no municipio”, sinala Arias. Explica o socialista que xustamente o seu grupo rexistrou tres mocións diferentes ao respecto destas cuestións. “Que casualidade que xusto despois notificara que quedaría para mediados do mes que vén”.

Detalla Marcos Arias que os socialistas presentaron unha moción para sinalar a necesidade de esixirlle á Xunta de Galicia que proceda á inmediata cobertura da praza de médico que está vacante desde a xubilación da anterior profesional; e que mentres non se cubre reforce o servizo de forma urxente durante estes meses de verán. Apuntou ademais a necesidade de aprobar unha relación de postos de traballo onde se avalíen as necesidades reais de persoal para crear, modificar ou suprimir prazas en función dos servizos que se proporciona á veciñanza.

O PSdeG de Portomarín quere ademais instar á Xunta a que asine un convenio de colaboración co Concello de Portomarín con compromisos reais, como a mellora do abastecemento de auga ou a creación de vivenda no municipio. Denuncian deste xeito un suposto acordo anunciado polo PP, antes das eleccións municipais, polo cal a Consellería de Medio Ambiente ía destinar un millón de euros a unha obra “faraónica” de humanización do Campo da Feira da localidade e do que só hai asinado un protocolo.

 

 

0.080214023590088