Os socialistas de Portomarín denuncian o peche da piscina municipal

LugoXa
Para eles é consecuencia directa da “inacción do Goberno local e a súa incapacidade para garantir o adecuado mantemento das instalacións públicas”
piscina-portomarin-mal-estado-auga
30 Xul 2024

Os socialistas de Portomarín denuncian o peche da piscina municipal por parte do Concello que é consecuencia directa da “inacción do Goberno local e a súa incapacidade para garantir o adecuado mantemento das instalacións públicas”. Dende o PSdeG detallan que dende “varios veciños e veciñas achegáronse a nós para manifestar as súas queixas sobre o estado lamentable no que se atopaba a piscina. As augas estaban sucias e as condicións das instalacións eran inaceptables para o seu uso público”.

“En vez de asumir a súa responsabilidade e proceder coa limpeza e mantemento necesarios, o Concello optou pola solución máis fácil e menos beneficiosa para a comunidade: pechar a piscina”, indican. Ademais, indican os socialistas, “é especialmente grave que esta decisión se tome nunha semana que está sendo a máis calorosa do que vai de verán. As familias e os veciños e veciñas de Portomarín ven agora impedidos de desfrutar das instalacións da piscina, que son fundamentais para combater as altas temperaturas e proporcionar un espazo de lecer e descanso”.

Esta decisión “evidencia unha clara falta de compromiso por parte do gobernó local para co benestar dos cidadáns de Portomarín. Non podemos permitir que as nosas infraestruturas públicas caian en tal estado de abandono e que, ante as primeiras dificultades, a resposta sexa pechar as portas en lugar de tomar medidas correctivas”, denuncian dende a agrupación local.

Así mesmo, tamén se ven afectados os pequenos e as pequenas que asisten aos campamentos de verán, pois dende o Concello comunicáronlle ás familias que non quedaban canceladas as actividades que viñan desenvolvendo na piscina. Os socialistas esíxenlle ao alcalde que proceda de inmediato á limpeza e mantemento da piscina municipal para que poida ser reaberta canto antes e os veciños e veciñas poidan seguir desfrutando deste importante servizo. Así mesmo, demandan unha planificación efectiva e a longo prazo para o coidado e mantemento das instalacións públicas, evitando que situacións como esta se repitan no futuro.

“Todos os verán acontece o mesmo, non é algo que non se poida prever”, lamentan. “Non podemos aceptar que o noso Concello se desentenda das súas obrigas e que os cidadáns sexan os que paguen as consecuencias da súa inacción. Seguiremos traballando para garantir que se tomen as medidas necesarias e que Portomarín conte coas infraestruturas que merece”, afirman os socialistas.

0.10926818847656