Os socialistas de Portomarín presentaron a súa candidatura
Os socialistas de Portomarín presentaron este domingo os membros da candidatura coa que concorrerán ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, que encabeza Marcos Arias Rodríguez.
O acto, celebrado esta tarde no Salón de Actos da Casa Sindical, contou coa participación da Secretaria de Organización do PSdeG na provincia de Lugo, Pilar García Porto, ademais da Deputada no Congreso Ana Prieto, entre outros representantes institucionais e responsables orgánicos do partido, e militantes e simpatizantes do Partido Socialista no concello e na comarca.
García Porto subliñou a valía de Marcos Arias, que “conta cun aliciente importantísimo para acadar a Alcaldía de Portomarín, como son as súas gañas de traballar polos seus veciños e veciñas, e sacar o seu concello adiante”. “Estou convencida de que o 28 de maio obterás, xunto con toda a candidatura que te acompaña, un excelente resultado, que te levará á Alcaldía”, asegurou.
Neste sentido, incidiu na oportunidade de cambiar de ciclo político nestas eleccións municipais, “deixando atrás o estancamento de Portomarín que provoca o actual Alcalde, que di que fai, pero realmente non fai nada, tal e como nos trasladan os propios veciños e veciñas”.
O candidato socialista agradeceu a tódolos seus compañeiros “o seu compromiso con este proxecto político que comezamos con moita ilusión, e co obxectivo de acadar novos proxectos para o noso concello, para que contribúan a fixar poboación, crear emprego e promover o noso patrimonio. Ademais, presentamos unha lista renovada nun 50%, con 6 caras novas, con respecto ao 2019”.
“Queremos que a veciñanza de Portomarín poida realizar aquí, no seu concello, o seu proxecto de futuro e de vida, e que a xente nova non teña que marchar. Por iso, faremos unha aposta firme e decidida por impulsar a creación de vivenda e por iniciativas que contribúan a dinamizar a economía local, tan importante na nosa vila”, explicou.
Avanzou que a primeira medida que vai en poñer en marcha se consegue a Alcaldía é reunirse “con tódolos veciños e veciñas de tódalas parroquias para atender as súas prioridades e para escoitar as súas propostas. Todos eles deben ser partícipes nas decisións políticas para gobernar Portomarín”.
Candidatura
A candidatura socialista de Portomarín está composta polos seguintes candidatos e candidatas:
- Marcos Arias Rodríguez
- Tania Rodríguez Rodríguez
- Sergio Vázquez González
- Óscar Martínez García
- Ibán Vázquez Ramos
- Aroa González Rodríguez
- Hugo Gómez Díaz
- Rebeca Rodríguez Travería
- Antonio Luces Quiroga
- Silvia Rodríguez Díaz
- Monserrat Díaz Rodríguez
- J. Manuel Rodríguez Pol