Os socialistas de Portomarín urxirán no Pleno a mellora da rede de auga e o patio do colexio

LugoXa
O Grupo Municipal Socialista de Portomarín urxirá mañá no Pleno ao alcalde que se mellore a rede de abastecemento de auga ante os problemas recorrentes de turbidez que sofre a veciñanza.
estado patio colexio portomarin
27 sep 2023

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín urxirá mañá no Pleno ao alcalde que se mellore a rede de abastecemento de auga ante os problemas recorrentes de turbidez que sofre a veciñanza. Así mesmo, levará outra moción para que o Concello amañe o patio do colexio e un rogo para que elimine os niños de velutinas.

O voceiro municipal do PSdeG en Portomarín, Marcos Arias Rodríguez, detalla que o concello arrastra un grave problema polas deficiencias na rede de abastecemento de auga, que provoca cada certo tempo que este servizo non cumpra as condicións mínimas para o uso e desfrute da veciñanza. “Esta situación é especialmente grave na rede de abastecemento de auga que subministra á capitalidade, así como noutros lugares como San Roque, Barco, Castrolázaro ou Cortapezas, por mencionar algún, pero o problema é xenérico”, subliña o concelleiro. Cómpre lembrar que a traída e a subministración de auga potable é unha obriga para os concellos, que teñen que ter as infraestruturas necesarias para asegurar a captación, potabilización e distribución en condicións óptimas e de seguridade.

O PSdeG pídelle ao Concello que realice unha auditoría da rede de abastecemento de auga para determinar o seu estado real e ver as melloras a acometer. Así mesmo, insta á Xunta de Galicia a que articule os medios necesarios, fundamentalmente económicos, para axudar ao Concello de Portomarín a reparar e mellorar a rede de abastecemento municipal, ao tempo que apelan ao Alcalde a que informe aos veciños e veciñas do estado da auga nas vindeiras ocasións que se dea esta problemática. Ademais, queren establecer medidas compensatorias para a veciñanza afectada por esta situación.

“Durante este mes, e provocado polo efecto das diferentes tormentas, a auga da traída municipal chegou ás nosas casas nunhas condicións insalubres, visiblemente turbia e cun cheiro impropio”, concreta Arias, engadindo que “a situación é recorrente, prolongouse durante máis dunha semana, ocasionando graves danos e prexuízos para a veciñanza, xa que a auga municipal non podía usarse para lavarse, cociñar ou lavar a roupa, actividades diarias que non podían realizarse nas nosas casas e nos establecementos hostaleiros de Portomarín”, relata o voceiro.

Esta situación “está a xerar un malestar crecente entre os nosos veciños e veciñas polas incomodidades manifestas que afrontan diariamente, pero tamén está a provocar unha imaxe lamentable do noso concello porque afecta diariamente ao turismo e a todas aquelas persoas que nos visitan e pernoctan en Portomarín”, engade Arias.

Ante este problema, advirten os socialistas, a actitude do Goberno local foi “tapar os ollos e escorrer o bulto, pero en ningún momento se fixo cargo da situación nin intentou arranxar esta cuestión. De feito, nin chegou a informar aos veciños de que a subministración de auga non estaba en condicións de uso”.

Melloras no patio do colexio

No Pleno deste xoves os socialistas esixiranlle de novo ao Concello que acondicione o patio para contar cunhas instalacións dignas para os nenos e nenas do municipio, e que aprobe axudas para o material escolar para o alumnado de Educación Infantil no CEIP Virxe da Luz.

“O curso iniciouse no colexio dun xeito decepcionante polas condicións lamentables nas que se atopaba o patio”, denuncia Arias. Lembra que hai varios meses, grazas aos fondos Next Generation conseguidos polo Goberno socialista de Pedro Sánchez, se melloraron as instalacións do colexio, polo que agora era o momento de que o Concello “fixera pequenos arranxos para ter un patio do colexio nunhas condicións dignas e, sobre todo, seguras”.

O PSdeG xa pedira no mes de xullo medidas concretas para o patio que continúa reivindicando, como que se melloren as randeeiras, o areeiro, a pista de xogo, os muros e as vallas de peche. No areeiro, en concreto, solicita que se renove a area e se poñan perfís acolchados para evitar danos nos nenos, así como que se merque algún xogo para instalar alí. Na pista de xogo suxiren que se pinten liñas que permitan a práctica de diferentes deportes e xogos como a rayuela. En canto ás randeeiras, piden que se revisen e se renoven as que están rotas, ademais de que se pinte o muro e se humanicen as zonas onde está o formigón á vista.

“A única administración pública que fixo algo por acondicionar e mellorar o estado do patio do colexio foi a Deputación de Lugo, que realizou un mural de María Antonia Danas nas inmediacións da porta de saída ao patio”, destaca o socialista.

En relación ás axudas, o Grupo Municipal Socialista considera unha medida moi importante que se subvencione por parte do Concello de Portomarín unha parte do material escolar dos nenos e nenas de Educación Infantil, “unha iniciativa que estivo en marcha hai máis de doce anos en Portomarín, pero que eliminou o goberno do Partido Popular no 2011”, manifesta Arias. Os socialistas cren que recuperar esta axuda social serviría para fomentar a escolarización no CEIP Virxe da Luz.

Niños de velutinas

Así mesmo, para o Pleno de mañá os socialistas rexistraron un rogo para solicitarlle ao Concello de Portomarín que se faga cargo da eliminación dos niños de velutinas que proliferan no municipio, sen que “eluda o problema porque ten os medios necesarios para facelo”.

“Nos últimos tempos estamos asistindo a unha importante proliferación de niños de velutinas e a Xunta nin outros servizos son quen de responder. É desesperante ver como as persoas afectadas chaman un día si e outro tamén”, sinala Marcos Arias. “Tamén van ao Concello, sen obter resposta, e tentan na medida do posible atallar a problemática con remedios caseiros que teñen un evidente risco para as persoas”, engade.

Recordan os socialistas de Portomarín que no ano 2019 o Concello comprou, cunha axuda da Deputación Provincial de Lugo, un pack de tratamento de vespa velutina que tivo un custe de 3.091,94€. Tamén varios membros da agrupación de voluntarios de Protección Civil fixeron cursos para o uso destes equipos, pero “este pack aínda non se utilizou”.

Falta de alumeado en Nespereira

O PSdeG tamén leva ao Pleno un rogo para que se dote de alumeado público o núcleo de Nespereira, que presenta moitos problemas nese sentido. “Non hai alumeado na metade do pobo e iso trae moitos prexuízos para o día a día da veciñanza, e cando se cambie a hora nos vindeiros días o problema será maior”, advirte Arias. Ademais, os socialistas saben que o Concello é coñecedor da falta de alumeado público e “non fai nada por solucionalo”.

Lembran que a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, establece como servizos obrigatorios a prestar en todos os municipios o alumeado público e, como corresponde, os servizos deben prestarse nas mellores condicións.

0.19829201698303