Os socialistas defenden en Pol os investimentos de Pedro Sánchez no rural

Pol
TerraChaXa | LugoXa
O delegado do Goberno, xunto á candidata ás autonómicas pola provincia Mayra García Bermúdez, e o Alcalde de Pol, puxeron en valor en Mosteiro o investimento do Executivo de Pedro Sánchez nos concellos máis pequenos e o compromiso do candidato do PsdeG á Presidencia da Xunta co impulso do rural.
psoe feira mosteiro pol
2 Feb 2024

O delegado do Goberno, xunto á candidata ás autonómicas pola provincia Mayra García Bermúdez, e o Alcalde de Pol, puxeron en valor en Mosteiro o investimento do Executivo de Pedro Sánchez nos concellos máis pequenos e o compromiso do candidato do PsdeG á Presidencia da Xunta co impulso do rural.

O delegado de Goberno en Galicia, Pedro Blanco, deixou hoxe patente en Pol que os “socialistas temos un proxecto de país que liderará Besteiro na Xunta o próximo 19 de febreiro”. Fíxoo durante un percorrido pola feira deste núcleo polense xunto á candidata socialista ás eleccións autonómicas pola provincia Mayra García Bermúdez, o Alcalde de Pol, Lino Rodríguez, a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, concelleiros e concelleiras, así como compañeiros e compañeiras das agrupacións socialistas da comarca.

Blanco avanzou que con Besteiro “lograremos ter a Galicia que queremos. Unha Galicia que medre, que entende, defende e que está orgullosa do rural, e que traballará da man do Goberno de España para ofrecer solucións, crear oportunidades e construír o futuro”.

“Vir ata Pol é para min unha satisfacción, a satisfacción do deber cumprido. Porque este Goberno estivo como ningún outro do lado dos pequenos concellos, impulsando proxectos que chegaron por primeira vez aos municipios de menos de 5.000 habitantes, facendo fronte ao reto demográfico”, subliñou.

Así mesmo, explicou que esta aposta por atallar o despoboamento e o abandono do rural contrasta coas políticas erráticas do PP, “que non acaba de ver que o que precisan estes concellos son investimentos que dinamicen a actividade económica, amplíen servizos e permitan fixar poboación”.

Nas súas palabras, a “Xunta de Feijóo e Rueda mirou para outro lado ante a exclusión financeira polo peche de sucursais bancarias e que non foi quen de exercer as súas competencias en materia de industria para salvar centos de empregos na provincia, dos que viven milleiros de familias, incluso comarcas enteiras. Fronte a iso, o Goberno socialista de Pedro Sánchez subiu as pensións por primeira vez dos 1.000 euros, aumentou a afiliación á Seguridade Social e lográronse facer máis de 27.000 contratos indefinidos.

Apostar polo rural

A candidata socialista ás eleccións autonómicas Mayra García Bermúdez fixo un chamamento en Pol a apostar pola recuperación dos servizos públicos e a acabar da man de Besteiro coa política de recortes do PP en Galicia e, de xeito particular, no rural. “Temos un rural que esmorece pola falta de implicación do Partido Popular, que nos deixa os centros de saúde sen médicos, os colexios sen mestres, cunha situación que aboca á xente a marchar destas marabillosas paraxes que están cheas de oportunidades”, denunciou.

“En 213 concellos está un 15% da poboación galega, no rural, que precisa políticas positivas que son as que vai aplicar Besteiro, prestando atención aos servizos públicos, non podemos seguir na Galicia de dúas velocidades. Necesitamos un presidente coma Besteiro que crea realmente nas oportunidades do rural”, asegurou Mayra García.

0.16927003860474