A moción do BNG no Senado contra o proxecto de Altri non sae adiante
A moción do BNG contra Altri non contou co apoio de PP e PSOE. A senadora nacionalista, Carme da Silva, defendeu a oposición á instalación de fábrica en Palas de Rei na cámara alta traendo o rexeitamento total das galegas e galegos a este proxecto. Para da Silva PP e PSOE teñen unha postura a favor dos intereses da empresa: actuando o PP mesmo como representante da empresa, e o PSOE como “Google Maps” segundo a distancia en que se atopen de Palas de Rei.
Manuel García Pardo, CEO e propietario de Greenalia, afirmou que “ve a Galiza como unha fonte de recursos a explotar e a espoliar”, comezaba así a intervención da senadora nacionalista en defensa da moción do BNG. Unha frase que, segundo explica Carme da Silva, evidencia a visión empresarial que impera no proxecto, compartida por personaxes como Beatriz Mato, exconselleira de Medio Ambiente do PP, que, por “obra e graza das portas xiratorias” é membro do Consello de Administración de Greenalia.
“Con esta visión deixan claro cal quere que sexa o destino social, económico e ambiental da Galiza: espoliar os nosos recursos, empobrecer a sociedade galega e enriquecer uns poucos á conta de negarlle futuro ao pobo galego”, sinala. A nacionalista defende que na comunidade “hai unha sociedade forte e viva, digna e orgullosa, que o pasado domingo 26, convocada pola Plataforma Ulloa Viva, demostrou con claridade a súa oposición a este proxecto”. Unha manifestación masiva convocada polo plataforma Ulloa Viva que desbordou todas as previsións.
“O rexeitamento social, veciñal, económico, agro gandeiro, pesqueiro e ecoloxista é absoluto a unha planta de celulosa líquida que de seguir adiante terá un impacto enorme e comprometerá o futuro dunha comarca rica no seu patrimonio natural, produtivo, nos seus recurso hídricos e no seu medio ambiente”. Da Silva acusou ao PP de “mentir en conivencia coa empresa” e de “enganar co proxecto”. “Tan marabillosa e máxica é a macrocelulosa de Altri que non a queren en Portugal, non a queren en Lisboa. Tan boa é que a rexeita maioritariamente a sociedade galega”, criticou Da Silva.
Os socialistas aseguran que non actuarán á marxe da lei
E tamén se pronunciou sobre a “clamorosa ausencia do PSOE na manifestación do domingo” e ironizou coa posición dos socialistas: “Teñen unha posición que definiríamos de Google Maps, segundo os quilómetros de distancia: en Palas son contrarios á planta, no parlamento galego abstéñense e no Congreso votan en contra da proposta do BNG para que se rexeite”. Pola súa parte, o senador socialista por Lugo, César Mogo, asegurou na Cámara alta que o Goberno de Pedro Sánchez “é a garantía de que o proxecto de Altri preservará o medio ambiente e protexerá ás persoas e o entorno ou non se fará”.
Hai dous anos, “todos os grupos do Parlamento galego apoiaron unha moción favorable a Altri, pero dende aquel momento producíronse cambios, e o que mudou non foi a nosa posición; o que mudou foi o proxecto, e a Xunta, que o presentou e o abrazou, debe responder por iso”, explicou. Mogo lamentou que o BNG rexeitara unha emenda á moción sobre a iniciativa da empresa lusa en Palas de Rei, a través da que os socialistas querían reforzar as garantías “tanto no control rigoroso do proxecto como na atención aos milleiros de alegacións presentadas é a obriga de que o proxecto cumpra coa normativa medioambiental estatal, autonómica e europea para acceder a calquera convocatoria de fondos”.
Por iso, cualificou de “erro político importante” a negativa do Bloque a dialogar co Partido Socialista, co que entra no marco do discurso da dereita “e sitúa o debate onde quere o PP, no Goberno de España e non na Xunta, que ten toda a responsabilidade nas decisións que se deben adoitar nos vindeiros meses”. O PP e o BNG “discrepan no proxecto, pero volven coincidir na estratexia de descargar a responsabilidade en quen non a ten agora mesmo”, insistiu.
O senador por Lugo defendeu que non hai ningunha ambigüidade na posición dos socialistas. “O Goberno non pode actuar á marxe da lei”, aclarou sobre a obriga de cumprir “en tempo e forma” a normativa en canto ao acceso a calquera liña de financiamento de Europa. Pero “calquera proxecto deberá cumprir requisitos moi severos en materia ambiental”, remarcou.