O PSdeG esixe garantías no proxecto de Altri e o PP denuncia a negativa da oposición a impulsar o proxecto
A parlamentaria socialista Patricia Otero esixiu “tódalas garantías para as persoas e o medio ambiente” no proxecto de Altri para Galicia. A responsable socialista fixo estas declaracións logo do debate na Comisión de Industria do Congreso que rexeitou dúas propostas do PP pedindo fondos par ao proxecto aínda que non cumpra cos requisitos e do BNG reclamando que sexan denegados antes de coñecer as bases da convocatoria.
A responsable socialista apostou por esixir as máximas garantías para reindustrializar Galicia porque, dixo, “fronte aos vetos cruzados, queremos industria, emprego e respecto ao entorno”.
Comezou amosando a súa sorpresa pola proposta do PP, que logo de 2 anos e medio de ter presentado o proxecto e de presentalo coma o seu buque insignia, agora pon en dúbida a súa viabilidade e reclaman axuda ao Goberno. Ademais, engade, “piden que se garantan fondos europeos e diñeiro do Perte de descarbonización cando saben que nin a empresa ten presentado solicitude algunha á convocatoria dos pertes e as bases da convocatoria aínda non foron publicadas”.
Criticou a súa “incoherencia” cando lle reclaman fondos ao Goberno aínda que o proxecto incumpra coas esixencias, e ao mesmo tempo sinalan que a Xunta financiará o proxecto “só se cumpre cos requisitos”. Puntualizou que “o que debe de facer a Xunta é explicar os cambios” do proxecto orixinal, que pasou de 1.500 postos de traballo directos e 6.500 indirectos a “uns poucos centos” de traballos, cando ademais “semella que xa non se trata dunha fábrica só de fibras téxtiles, que non pecha o ciclo forestal en Galicia”.
Afeoulle tamén ao BNG que renunciara a acadar ningún tipo de acordo “buscando o noso posicionamento en contra de que o proxecto reciba fondos europeos”. Lembrou que a convocatoria “non ten nin sequera publicados os requisitos”. Explicou que a selección dos proxectos correspóndelle a unha Comisión técnica que avalía o cumprimento dos requisitos e garante que as axudas non se convocan “á medida” de ningún proxecto industrial.
O PP asegura que responde aos criterios de sustentabilidade
Pola súa parte, o deputado do Partido Popular Francisco Conde subliña que devandito proxecto, que conta cun investimento de 900 millóns de euros e propiciaría a creación de 2.500 empregos, permitiría a España ser “referencia” na produción de fibra sostible. Engade que a fábrica en Palas de Rei “responde a todos e cada un dos criterios de sustentabilidade e dixitalización da Comisión Europea e supón un impulso ao reto demográfico na axenda política”
Recalca que a Xunta de Galicia “está a facer os deberes” ao declarar este proxecto como estratéxico e ao abrir a porta ao seu cofinanciamento, “a condición de que se cumpran cos requisitos medio ambientais e de impacto sobre o territorio”. Ademais, pide “vontade real” para apoiar a reindustrialización en España á vez que denuncia que, tras dous anos e medio de bloqueo ao devandito proxecto, o Executivo de Sánchez é “o único que suspende”. Deste xeito, insta ao Goberno a asegurar o acceso aos fondos europeos para construír a subestación eléctrica que precisa Altri, garantindo tamén o acceso a unha enerxía competitiva e estable.
Ante a importancia estratéxica da fábrica de Altri en Lugo, chama aos grupos para aparcar “a politización” e reclama ao PSOE que deixe de actuar desde “a ideoloxía máis extremista”. De igual modo, esixe ao BNG que deixe de comportarse como “un partido antisistema industrial”, como fixeron no seu día con Stellantis e a automoción ou con ENCE e o sector forestal.