Os socialistas esíxenlle á Xunta que se cumpran os requisitos ambientais no proxecto de Altri

LugoXa
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, esixiulle á Xunta que garanta o cumprimento escrupuloso os requisitos medioambientais e claridade na informacións e os compromisos acadados pola Xunta no proxecto de Altri que está a impulsar en Palas de Rei.
14 Maio 2024

A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, esixiulle á Xunta que garanta o cumprimento escrupuloso os requisitos medioambientais e claridade na informacións e os compromisos acadados pola Xunta no proxecto de Altri que está a impulsar en Palas de Rei. A responsable socialista lamentou que o grupo propoñente impedira incorporar unha emenda de modificación á moción parlamentaria debatida no Pleno da Cámara, polo que os socialistas galegos se abstiveron na votación final.

Iglesias defendeu o máximo control medioambiental fixado pola UE e “ata que a fronteira tecnolóxica o permita”, en coherencia coa postura dos socialistas galegos dende o primeiro momento, como lle sinalou o propio portavoz, José Ramón Gómez Besteiro, ao presidente da Xunta na primeira sesión de control da Lexislatura.

Rexeitou facer “oportunismo fácil” reclamando un investimento de 250 millóns de euros “sen explicar de onde proceden” para artellar unha “dicotomía falaz e oportunista” entre un proxecto industrial e o investimento, que “deriva na frustración” da cidadanía. Compartiu a necesidade de que o goberno galego garanta toda a claridade sobre o proxecto, que en calquera caso “debera cumprir coa normativa medioambiental.

Pola súa parte, o deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor insistiu no Parlamento galego que “valorar que o proxecto de Altri en Palas de Rei cumpre a normativa vixente corresponde a un órgano técnico composto por profesionais das administracións públicas, todos eles moi cualificados e que traballan con total independencia”, polo que manifestou que “pedir, como fai o BNG, que se informe positiva ou negativamente con anterioridade sería prevaricar”.

O PP pide que se deixe traballar

Gonzalo Trenor dixo que “os do BNG son os do non, os da mentira, os das fotos falsas, os das fake news e os dos bulos”, polo que pediu que “se deixe traballar con tranquilidade, obxectividade, rigor e imparcialidade ao persoal das distintas consellerías, que teñen moito que analizar para poder asegurar que o proxecto de Altri cumpre toda a normativa vixente”. Ao longo da súa intervención, o deputado popular lamentou “as incontables mentiras que desde o BNG se están a lanzar sobre este proxecto industrial”.

Así, negou que a Xunta estea a promover o proxecto de Altri en Palas de Rei, “porque se trata dunha iniciativa privada dunha empresa e o único que fai a Xunta é promover e incentivar o crecemento económico apoiando proxectos industriais, sempre e cando sexan respectuosos co medio ambiente e creen riqueza e emprego de calidade”. “Menten cando falan de dimensións xigantescas da factoría con 366 hectáreas, cando a realidade é que a superficie que terá a fábrica será menos dun terzo do que afirman; ou cando aseguran que impactará no ámbito de protección BIC do Camiño de Santiago, cando o punto máis próximo á ruta xacobea sitúase a tres quilómetros da planta”, sinalou.

0.11550498008728