Os socialistas piden á Xunta que recupere Francés no IES de Becerreá

LugoXa
O Grupo Socialista reclama á Xunta que recupere no vindeiro curso a asignatura de Francés para o IES de Becerreá
Patricia Otero PSdeG
5 Xul 2022

A parlamentaria socialista Patricia Otero reclamoulle hoxe á Consellería de Educación que recupere a asignatura de Francés no Instituto de Becerreá, que suprimiron este ano a pesares de que o centro conta cunha profesora titular, que estivo todo o ano “facendo gardas”. Otero levou a petición á Comisión de Educación, onde lle preguntou á Xunta logo de que se negaran a responder por escrito.

Otero reclamoulle á Consellería que activen a excepcionalidade para recuperar esta materia, malia que conta con menos de 5 alumnos, igual que fixeron antes con outras 18 materias no mesmo centro. Advertiu que as alternativas que ofrece o goberno, que son cursar pola vía telemática ou desprazarse a outros centros, son inviables por mor da conexión deficiente por internet e porque o Instituto é o único da comarca dos Ancares, e o transporte público da Xunta “non funciona”.

A responsable socialista esixiulle ao goberno galego que atendan ao clamor unánime de toda a comunidade educativa, así como da cidadanía dos Ancares e mesmo ao propio PP de Becerreá, que vén de apoiar dende o Concello a restauración da materia no Instituto.

Criticou que con esta decisión “estanlle a facer unha discriminación tremenda non só a Becerreá, senón a toda a comarca dos Ancares”, e recolleu a reivindicación da cidadanía do interior galego, que sinala que “a Galicia profunda non morre, senón que a está a matar o goberno galego”.

Explicou que esta materia é optativa no bacharelato e puntúa no acceso á Universidade, polo que “se produce unha discriminación no acceso ao ensino superior” dos alumnos que “non poderán escoller nin as materias que máis lles conveñan nin en moitos casos tampouco poderán acceder á carreira que desexan”.

0.12027215957642