Os socialistas reclaman plenos telemáticos no Corgo

LugoXa
Este é un dos asuntos que se debaterán na vindeira sesión plenaria. O estado das vías municipais será outro dos temas a abordar
29 Xan 2021

O grupo municipal do PSOE no Corgo solicita ao Concello que "se modernice" e que as sesións plenarias pasen a celebrarse de xeito telemático. Cren que é o máis oportuno na actual situación e lembran ao goberno local que "a Deputación de Lugo ofrece asistencia técnica, asesoramento e a colaboración necesaria para poder celebrar os plenos de maneira telemática, coa finalidade de que a xestión municipal non se paralice a pesar das medidas do estado de alarma, e poidamos seguir así traballando con total normalidade".

Neste senso, o voceiro do PsdeG-PSOE no Corgo, Francisco Otero, advirte que "non queremos que se repita o que aconteceu o ano pasado, xa que estivemos sen convocar plenos durante 5 meses, mentres o alcalde aproveitou daquela para facer campaña electoral, tentando silenciar a oposición".

A petición de que os plenos se celebren de xeito telemático enmárcase nas iniciativas que os socialistas presentaron para debater no vindeiro pleno. Entre elas, figura tamén unha moción na que demandan ao goberno local que reclame nos orzamentos da Xunta "a creación dun fondo extraordinario destinado aos concellos co fin de establecer unha partida dotada de 100 millóns de euros para suplir os gastos relativos á covid-19, que poida ser distribuído con criterios obxectivos", segundo explica Francisco Otero.

MELLORAS NAS VÍAS

Os socialistas reclaman tamén o arranxo dunha serie de infraestruturas de titularidade municipal. É o caso da estrada que discorre polo centro do núcleo de vivendas da parroquia de Cabreiros, xa que "presenta numerosas fochancas e xa foi presentado un escrito ao respecto pola Asociación de dita parroquia o 21 de Decembro de 2020" e do vial que une o lugar de Vilagamelle con San Andrés "que está intransitable trala saca de madeira dos últimos días", segundo explica Otero.

Desde a agrupación socialista reclaman tamén melloras na estrada que vai desde o campo da festa de Anseán ata a casa de Sofía, na estrada que transcorre desde o cruce de Marey á Pena e o camiño de Moás en Sabarei "xa que o seu mal estado dificulta o acceso para a actividade agrícol". Piden tamén o acondicionamento das vías públicas que dan acceso a vivendas, como por exemplo o camiño municipal denominado as Congostiñas en Anseán.

AXUDAS COVID-19

No apartado de preguntas, os socialistas do Corgo queren coñecer as previsións do Concello do Corgo sobre "si ten previsto sacar adiante unha nova liña de axudas para afectados polo peche de establecementos e familias con necesidades ante as novas medidas e restricións xeradas pola covid-19".

0.2019190788269