Os traballadores de Alcoa acusan ao Goberno de abandonar a Mariña e reclaman unha reunión urxente

Un grupo de empregados da fábrica de Alcoa en San Cibrao concentrouse este luns diante da Subdelegación do Goberno en Lugo para esixir unha resposta inmediata á solicitude de reunión co delegado do Goberno en Galicia. Durante a mobilización, obtiveron o compromiso da subdelegada de trasladar a petición e dar unha resposta nas próximas horas, en función do que dispoña o delegado.
Con todo, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, lanzou duras críticas ao Executivo central e aos partidos que o sustentan. “Está claro que a prioridade deste Goberno é darlle medallas de ouro á princesa, en vez de atender aos cidadáns e aos traballadores de Alcoa”, denunciou.
Zan acusou tanto ao PSOE como a Sumar de “poñerse ao carón de Alcoa e desa presunta asociación con IGNIS EQT, antes coñecida como Papayo”, en vez de defender os intereses do cadro de persoal e da continuidade dunha planta “fundamental para o sostemento da comarca”.
O comité considera que as administracións están a permitir un proceso que pode levar á perda de actividade e emprego, e alerta de que a falta de actuación política está empurrando á Mariña cara un escenario de “retorno a 1980”.
A protesta en Lugo súmase a outras mobilizacións que os traballadores veñen realizando nas últimas semanas, co obxectivo de obter garantías reais sobre o futuro da factoría e denunciar o que consideran unha xestión nefasta por parte da empresa e unha resposta insuficiente por parte do Goberno central.