Os tres Campus de Especialización galegos e a Xunta avanzan para fortalecer o sistema universitario

LugoXa | OurenseXa
A Xunta de Galicia e os representantes dos tres Campus de Especialización galegos reuníronse en Lugo para establecer sinerxías e accións estratéxicas que sumen e se complementen á hora de acadar resultados de investigación
Reunión dos Campus de Especialización galegos
20 Sep 2024

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, presidiu hoxe a reunión de coordinación entre os tres Campus de Especialización no marco do impulso que a Xunta está a dar á colaboración entre eles. O obxectivo, enmarcado no Programa de Especialización de Campus do Goberno galego, é fortalecer o Sistema Universitario de Galicia.

No encontro, o segundo que se celebra para impulsar esta cooperación, os responsables do Campus Industrial de Ferrol, do Campus Terra de Lugo e do Campus Auga de Ourense puxeron en común os seus proxectos, en aras de evitar duplicidades e establecer sinerxías e accións estratéxicas que sumen e se complementen á hora de acadar resultados de investigación.

Deste xeito, a cooperación suporá un beneficio directo no fortalecemento das estruturas dos campus non centrais, aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados. Precisamente con este obxectivo, o Goberno galego lanzou en 2013 o Programa de Especialización dos Campus do Sistema Universitario de Galicia e o outorgamento da acreditación de especialización, o selo de excelencia que os recoñece como tal.

Financiamento específico

Desde a posta en marcha do programa, a Xunta leva investido máis de 35 millóns de euros nos diferentes convenios asinados coas universidades da Coruña, Santiago e Vigo para o desenvolvementos dos campus especializados de Ferrol, Lugo e Ourense. Grazas a este apoio, os tres campus contan a día de hoxe con actuacións e financiamento propio e específico para impulsar o seu posicionamento, a calidade docente e investigadora e fortalecer o seu papel como axentes dinamizadores do territorio.

Ao abeiro deste impulso, ademais, o Campus Industrial de Ferrol foi o primeiro de España e de Galicia en acadar o selo de excelencia que recoñece a súa especialización, acreditación coa que contaron posteriormente a nivel galego o Campus Terra de Lugo e o Campus Auga de Ourense.

Tras a reunión, que se celebrou no Edificio de apoio á investigación CACTUS, no campus de Lugo, os participantes realizaron unha visita ás principais instalacións do campus Terra, como a Aula de Produtos Lácteos, o Hospital Veterinario Rof Codina, a Finca de prácticas ou a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE), entre outras.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14886999130249