Os usuarios do centro de maiores das Gándaras visitan a Biblioteca Pública de Lugo

Un grupo de usuarios do centro de maiores das Gándaras achegouse esta mañá á Biblioteca Pública de Lugo no marco do proxecto Lectura Sénior, impulsado pola Xunta para promover o acceso dos residentes a recursos culturais e de entretemento do seu interese.
O obxectivo desta actividade é que os participantes coñezan de primeira man os servizos que ofrece a Biblioteca e o extenso catálogo de fondos dispoñibles para o público. Na visita estiveron acompañados pola directora do centro, María Isabel Pérez, así como polos directores territoriais das Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández, e Política Social e Igualdade, Óscar Viñas.
Os asistentes recibirán periodicamente na propia residencia préstamos de libros, música, películas e outros materiais seleccionados pola Biblioteca segundo as súas preferencias. Previamente realizáronse enquisas para determinar os formatos máis solicitados —libros, audiolibros, cinema, música—, as temáticas de maior interese e a frecuencia coa que desexan acceder a estes contidos.
A finalidade do proxecto é contribuír ao benestar, á inclusión, á estimulación cognitiva e á socialización das persoas maiores. Unha vez avaliado o funcionamento desta experiencia piloto, que acaba de iniciar a súa posta en práctica, estudarase a posibilidade de estendela a outros centros da rede autonómica.