Os V Premios Rafael Crecente premian propostas innovadoras de xestión territorial

LugoXa
A entrega da quinta edicion dos Premios Rafael Crecente premian propostas innovadoras de xestión territorial
Entrega premios usc
16 Dec 2022

A enxeñeira civil titulada na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC Olga Vallejo e o biólogo vigués Tomás Arteta recibiron os V Premios Rafael Crecente a Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, uns galardóns promovidos polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) xunto co Laboratorio do Territorio ( LaboraTE ) do Campus Terra da USC e dotados con gratificacións en metálico de 2.000 e 1.000 euros respectivamente, no marco dunha concorrida cerimonia presidida polo reitor da USC, Antonio López, no Campus Terra, durante a que a profesora do Departametno de Análise Económica da USC María Loureiro ofreceu o relatorio As percepcións da cidadanía sobre o cambio climático: unha análise apoiada en big data.

A proposta de rehabilitación dunha vivenda tradicional cun deseño bioclimático ideada pola viguesa Olga Vallejo López mereceu a máxima cualificación do xurado dos V Premios Rafael Crecente, convocados co dobre obxectivo de render homenaxe ao finado profesor e investigador na EPS de Enxeñaría da USC, ademais de para impulsar entre os titulados universitarios e a mocidade investigadora a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia.

A candidatura presentada por Vallejo López achega unha idea sobre o posible redeseño bioclimático dunha vivenda títpica do rural de Galicia, á que propón engadir elementos construtitvos á edificación principal empregando técnicas de bioconstrución, materiais sostibles como a madeira, a terra ou a palla, e aproveitando a mesma pedra. A rehabilitación acometeríase logo de facer un exhaustivo estudo edafoclimáfico, a fin de acadar unha vivenda o máis “pasiva” posible sen variar a arquitectura vernácula do lugar”, sgundo explicou a investigadora galardoada na súa intervención no acto a través de videoconferencia.

O proxecto do biólogo e doutor en Biotecnoloxía Avanzada Tomás Ariel Arteta para optimizar a produción de planta dunha variedade de kiwiño adaptada aos retos do cambio climático mediante técnicas innovadoras agrobiotecnolóxicas e de intelixencia artificial (IA) acadou o segundo galardón dos V Premios Rafael Crecente. Arteta combina na súa proposta a biotecnoloxía vexetal con ferramentas de intelixencia artificial axeitadas para optimizar novos métodos de micropropagación de kiwiño. Trátase dunha aproximación agrobiotecnolóxica susceptible de ser aplicada en calquera outro tipo de cultivo, pero especialmente axeitado para plantas leñosas de interese agroforestal ou de conservación.

O director do Ibader, Pablo Ramil, aproveitou a súa internvención na sesión de entrega de galardóns dos V Premios Rafael Crecente para anunciar a próxima convocatoria destes galardóns. A diretora da EPS de Enxeñaría do Campus Terra, Rosa Romero; a delegada do reitor para o Campus Terra da USC, Elvira López Mosquera, e a deputada provincial delegada da área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, foron outras das autoridades políticas e académicas que interviron nun emotivo acto no que tamén participaron docentes e familiares do homenaxeado Rafael Crecente.

A deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira destacou o compromiso de apoio ó ensino superior público da institución provincial. “Entendemos que a Universidade pública é un factor de desenvolvemento esencial para a nosa provincia, polo seu labor docente e tamén polo impacto que ten para a sociedade e a economía a súa actividade investigadora”, sinalou.

Apuntou que a universidade pública está fondamente comprometida co territorio no que se asenta e “xera un entorno que multiplica con creces os fondos que lle adicamos nos orzamentos”. A Deputada recordou que docentes e investigadores saben escoitar a experiencia do sector agrario ou gandeiro, “e contando con esa base, traballan para achegar innovacións científicas susceptibles de ser aplicadas para mellorar os procesos produtivos, para fomentar o benestar animal ou para desenvolver novos produtos”.

0.17638301849365