Os veciños acordan na súa reunión manter reunións por barrios para tratar o tema do autobús

LugoXa
Os veciños acordaron na reunión manter as reunións barrio a barrio co Goberno local para tratar o tema do autobús.
REUNION VECINOS BUS
22 sep 2021

Os veciños acordaron na reunión mantida onte no local social da Federación Veciñal Lucus Augusti manter as reunións barrio a barrio co Goberno local para tratar o tema do autobús.

"Apostamos, unha vez máis, polo diálogo; aceptamos a reunión en cada barrio e parroquia. Previamente, membros da Federación Veciñal Lucus Augusti e do BNG –da Concellería de Mobilidade do Concello de Lugo- estudarán conxuntamente a problemática para tratar en cada zona da cidade. Ditas reunións deberán ser abertas a todos os veciños e veciñas, con ánimo construtivo, e acudindo a elas de forma paritaria en membros do BNG e da Federación Veciñal Lucus Augusti de Lugo. Deberán celebrarse reunións en todos os barrios e parroquias que o soliciten, sen quedar ningún punto excluído", espuxeron no punto quinto do decálogo aprobado.

A asemblea acordou tamén ratificar e apoiar todos os pasos que se deron ata o momento por parte da Federación. Aseguraron que o colectivo "acudiu a escoitar a todos os veciños de Lugo que se puxeron en contacto connosco para trasladarnos as súas queixas e suxestións". Así mesmo, afirman que "apostamos sempre polo diálogo e por atopar solución ao problema do autobús urbano de Lugo".

Os asistentes á reunión estiveron de acordo en que tras a reforma do trazado de liñas de autobús urbano en Lugo, os autobuses circulan baleiros, e as queixas xeneralízanse por toda a cidade. "Por tanto, entendemos que o servizo empeorou coa devandita reforma e que o problema do autobús non é, en ningún caso, un problema persoal, senón de dar un servizo de calidade aos veciños e veciñas de Lugo·".

Seguen propoñendo que os transbordos sexan gratuítos e que os veciños e veciñas non perdan conexións cos seus puntos de interese; centros de saúde, centros educativos, Hula, etc.

A Federación Veciñal Lucus Augusti insiste na necesidade de mellorar a páxina web do Concello de Lugo; en que as marquesiñas do autobús teñan un servizo de mantemento; e en crear marquesiñas en todas as paradas do autobús.

"Manifestamos, desde a Federación de Asociacións Veciñais “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo, que non lles imos a fallar aos lucenses; e que se non hai solución aos problemas expostos no referente ao servizo de autobús urbano, non descartamos ningunha medida de presión, sempre que nolo soliciten os veciños e veciñas", concluíron.

0.19823288917542