Os Veciños Centro de Lugo valoran positivamente o proxecto de Santo Domingo pero piden respecto polo seu traballo

LugoXa
Séntense moi molestos polas formas e a xustificación pública amosada por este
praza_de_ferrol
21 Xuño 2024

A Asociación de Veciños Centro de Lugo solicita e esixe ao Concello respecto ao seu traballo e aos veciños do centro tras a reunión na que confirman a aceptación de todas as súas demandas respecto da Praza de Santo Domingo. Están satisfeitos co exposto no borrador de modificación do proxecto da obra de peonalización da Praza de Santo Domingo, pero á vez séntense moi molestos polas formas e a xustificación pública amosada por este.

Lembran que levan máis dun ano soportando as molestias dunhas obras proxectadas sen participación cidadá, cheas de improvisacións e problemas e maila todo traballaron arreo para minimizar eses problemas e molestias, constantemente, de xeito responsable, leal e colaborativo co Concello. "No proxecto da Praza de Santo Domingo eliminábase practicamente toda a zona axardinada, quedaba a praza sen fonte despois de mantela dende hai 170 anos a ata a actualidade, duplicaba as zonas de tránsito dos vehículos e aseguran que foron eles quen indicaron ao Concello todos estes problemas e grazas a este traballo o Concello tivo a oportunidade de rectificar e modificar un proxecto inicialmente nefasto para a cidade".

Defenden que o Concello nega este traballo veciñal, asegurando publicamente que a modificación foi obrigada polas catas feitas, cousa que os veciños negan e tamén negan que non se puideran facer ditas catas ata comezar as obras, mais ben deberan terse feito antes para cos resultados obtidos, decidir axeitadamente no proxecto a distribución da Praza. Lamentan esta repentina e sorprendente falta de respecto ao traballo da asociación e ao comportamento paciente, responsable e colaborativo dos veciños.

0.19076418876648