Os veciños da Milagrosa denuncian “a discriminación e a falta de colaboración” da Xunta nas súas actividades

LugoXa
A asociación de veciños e comerciantes pide que se fagan públicas as axudas tramitadas desde a Delegación de Lugo
feira-produtos-campos-e-artesania-da-milagrosa
Feira de Produtos do Campo e Artesanía na Milagrosa
5 Xuño 2024

A Xunta Directiva da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa denuncia a “discriminación, sectarismo e falta total de colaboración coas actividades” organizadas no barrio por parte da Xunta. Aseguran que solicitaron  á Delegación do Goberno autonómico en Lugo, mesmo por escrito, a colaboración para dúas actividades emblemáticas como son os Milagrosistas do Ano e a Feira de Produtos do Campo e Artesanía “nas que adoitaba colaborar a Xunta”, aínda que non foi así este ano.

“Comunicounos que non colaboraría nin achegaría nada. O desprezo, o desdén e o abandono da Xunta ao noso barrio é máis que evidente”. Aseguran que non acontece noutros puntos de Lugo pois vén como a mesma Delegación da Xunta “é tremendamente magnánima, colaboradora coa comisión de Festas das Gándaras ou da Piringalla colectivos aos que quizais presupón máis dóciles ou manexables que nós”. Piden deste xeito, que a Xunta non caia en “sectarismos” e que administre os recursos para todos sen instrumentalos “con fins partidistas en beneficio exclusivo de quen aplaude ou encomian a súa dubidosa xestión”.

A asociación tamén pide que se fagan públicas todas as axudas tramitadas desde a Delegación de Lugo, indicando así mesmo, os criterios de polos que unhas foron aceptadas e outras rexeitadas e os importes das axudas tramitadas e Departamentos polos que foron canalizadas. “Só así os cidadáns poderemos comprobar se se trata a todos os colectivos por igual ou se prima o sectarismo e as represalias na xestión dos fondos públicos”.

 

0.21251010894775