Os veciños da Milagrosa manifestan a súa “profunda decepción” pola situación do centro de saúde

LugoXa
“Ante toda esta tomadura de pelo, denunciamos as verdadeiras intencións da Xunta, que pasan por pechar o Centro de Saúde da Milagrosa", denuncian
centro-saude-milagrosa
21 Dec 2024

Desde a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa manifestan a súa “profunda decepción” pola noticia do atraso nos prazos de execución da reforma do Centro de Saúde da Milagrosa.

Así, din que a Xunta fala dunha “insuficiente consignación orzamentaria” para esta obra en 2025, e calcula que podería estar realizada a obra total en 2027. “Todo o anteriormente exposto confirma como no seu día dixemos que a auténtica intención da Consellería de Sanidade en pechar o noso Centro de Saúde da rúa Río Ser, facendo que teñamos que acudir ao Centro Integral de Saúde do Barrio da Residencia, que é o que a Xunta pretende promocionar pechando o noso da Milagrosa”, critican.

Para a Asociación, estes traslados e desprazamentos á Residencia “supoñen trastornos continuos, custos en desprazamentos, e dificultade en xeral, para unha poboación predominantemente maior e envellecida, que ten que afrontar os incumprimentos e falsas promesas da Conselleria de Sanidade”, denuncian.

“Ante toda esta tomadura de pelo, denunciamos as verdadeiras intencións da Xunta, que pasan por pechar o Centro de Saúde da Milagrosa ou dilatar ao máximo as obras, xerando á poboación unha situación de incerteza”, denuncian.

Finalmente, piden ao conselleiro que “dea a cara e diga publicamente cales son as súas intencións respecto a o noso Centro de Saúde”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.14686584472656