Os veciños da Milagrosa piden a reparación das beirarrúas de López Guntín
A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa piden ao Concello de Lugo que "acometa a reparación das beirarrúas, de ambos os lados, da rúa López Guntín da capital lucense".
Dende a asociación denuncia que "o estado das beirarrúas da rúa López Guntín é, sen dúbida, lamentable; proxectando, non só unha imaxe de deixamento e insalubridade para quen reside ao longo da devandita rúa, senón tamén para quen circula a diario por ela e, para quen nos visita, ofrecendo unha carta de presentación pouco menos que vergoñosa".
Por esto os veciños da Milagroa solicitan que "atendendo á importancia que a imaxe da cidade representa, ademais de motivado porque os veciños e veciñas da cidade de Lugo pagan, cos seus impostos o mantemento e reparación das rúas, e merécense, por tanto, unhas infraestruturas dignas e seguras, solicitamos á Concellería de Infraestruturas Urbanas que acometa, o máis axiña posible de tempo, a mencionada reparación".