Os veciños das Gándaras esixen melloras na infraestrutura do barrio tras 25 anos da firma do Plan Paradai

LugoXa
A organización denuncia que, a día de hoxe, menos do 50 % das obras previstas no plan foron levadas a cabo
Jaime-Gueimunde,-presidente-de-Gatos-Roxos-As-Gándaras
29 Mar 2025

A Asociación de Veciños Gatos Roxos do barrio das Gándaras manifestou a súa preocupación pola escasa execución do Plan Paradai, cando se está a punto de cumprir 25 anos desde a súa firma.

A organización denuncia que, a día de hoxe, "menos do 50 % das obras previstas no plan foron levadas a cabo, o que afecta gravemente á calidade de vida dos veciños e veciñas da zona".

Moitas das propiedades do barrio continúan afectadas polo citado plan, o que dificulta as reparaciones e reformas nas vivendas, así como as melloras nas rúas afectadas.

"A falta de avances na execución do Plan Paradai tamén está xerando unha gran incerteza entre os residentes, que levan anos solicitando solucións concretas para mellorar a súa situación", explican.

A Asociación de Veciños presentou un conxunto de peticións históricas que levan anos sen atender, entre as que destacan:

  1. Paso elevado sobre a Ronda Norte: Desde o ano 2001, solicítase a construción dun paso elevado fronte ao Campo de Fútbol das Gándaras, que permita o acceso seguro ao Parque Empresarial sen a necesidade de cruzar as rotondas, situación que representa un perigo para os transeúntes.

  2. Beirarrúa na rúa Virxe de Soidade: Urxe a construción dunha beirarrúa que conecte a Calzada das Gándaras co Colexio, dada a alta densidade de tráfico na zona e a necesidade de asegurar o acceso seguro á comunidade escolar.

  3. Mellora das beirarrúas na Calzada das Gándaras: A veciñanza tamén reclama a instalación de beirarrúas na rúa Calzada das Gándaras, entre a Ronda Norte e a Residencia de Maiores, unha vía de gran tránsito que actualmente supón un risco para os peóns.

  4. Alumeado público e beirarrúas nas vías de servizo da Ronda Norte: As vías de servizo pegadas á Ronda Norte carecen de alumeado público e beirarrúas, creando un ambiente perigoso para os viandantes, especialmente de noite.

  5. Sinalización de rúa sen saída na rúa Torre de Doncos: A veciñanza tamén solicita a colocación dun sinal de "Rúa sen saída" na rúa Torre de Doncos para evitar que vehículos grandes accedan á zona e se vexan obrigados a maniobrar para saír.

  6. Melloras na infraestrutura de saneamento e abastecemento de auga nas rúas Miñato, Cortiña do Monte, Camiño das Regas e Pista Militar: A zona carece de auga potable e de rede de saneamento, un atraso inaceptable no século XXI.

O barrio das Gándaras leva moitos anos loitando por melloras na infraestrutura e a seguridade das súas rúas, e a súa veciñanza reclama unha resposta firme por parte das autoridades para mellorar a súa calidade de vida.

A Asociación de Veciños Gatos Roxos insiste na urxencia de abordar estas demandas e lembra que, tras 25 anos de espera, non se pode seguir desatendendo as necesidades da comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.093968868255615