Os veciños de Castelo esixen a mellora da seguridade viaria na estrada da Fonsagrada

LugoXa
As veciñas e veciños trasladou ao BNG a súa preocupación pola falta na estrada debido ao intenso tráfico que soporta
veciños-castelo-bng
13 Ago 2024

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola concelleira Maite Ferreiro e a deputada no Parlamento Galego, Montse Valcárcel achegáronse ata Castelo onde mantiveron un encontro coa veciñanza da zona para valorar a situación do barrio ante os problemas de seguridade que atopan a diario na Estrada da Fonsagrada. A veciñanza transmitiu a súa preocupación pola falta de seguridade da vía que atravesa o barrio, que carece dunha sinalización apropiada e adaptada ás súas necesidades.

Dende o BNG, explicou Rubén Arroxo, “compartimos esa preocupación, e xunto coa veciñanza esixímoslle á Xunta de Galiza que mellore as condicións da Estrada da Fonsagrada, sobre todo tratándose dunha área residencial na que viven numerosas familias”. Durante a xuntanza, o portavoz do BNG insistiu en que “é fundamental manter seguras as nosas estradas, xa que axuda a previr accidentes e a promover lugares máis tranquilos para os veciños e veciñas”.

Deste xeito, anunciou Arroxo, “presentaremos unha batería de propostas para instar á Xunta a que pinte pasos de peóns e poña límites de velocidade que melloren a vida no barrio de Castelo”. Ademais, o BNG solicita unha beirarrúa que una San Eufrasio co Carqueixo, “dous barrios que sofren marxinación por parte da Xunta e que teñen o dereito de contar con infraestruturas e servizos seguros e que faciliten e se adapten ás necesidades dos seus habitantes”.

O BNG trasladará as reclamacións das veciñas e veciños ao vindeiro pleno municipal, ademais de presentar unha batería de medidas no Parlamento Galego "para instar á Xunta de Galiza a poñer fin a este problema de seguridade". Arroxo anunciou tamén que o BNG apoiará as accións que realice a veciñanza de Castelo para reclamar unha vía máis segura.

0.073704957962036