Os veciños de Lugo participaron na manifestación convocada polo BNG en contra da subida de prezos
A veciñanza de Lugo estivo presente onte na manifestación convocada polo BNG para reclamar solucións inmediatas á suba xeneralizada de prezos. Baixo o nome Os prezos soben; os teus cartos baixan: fagámonos valer!, o BNG mobilizou á poboación galega “para reclamar aos gobernos da Xunta e do Estado solucións inmediatas á suba xeneralizada de prezos que está a afectar ás familias galegas”, segundo afirmou o Portavoz do BNG e tenente alcalde no Concello de Lugo, Rubén Arroxo.
O BNG defende un decálogo de medidas urxentes para evitar o colapso dos sectores económicos galegos e protexer ás veciñas e veciños ante a descontrolada suba de prezos que se vén experimentando nas últimas semanas.
Entre as propostas do BNG destacan a posta en marcha dunha fiscalidade máis xusta, de xeito que se evite a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerables, ao que se une o incremento das pensións e dos salarios máis baixos, a intervención no sector eléctrico e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega que recoñeza a Galicia como produtora excedentaria de enerxía eléctrica e permita á veciñanza galega contar cun prezo controlado na electricidade. Outras medidas propostas polo BNG son a baixada do IVE aos bens e servizos básicos, a redución das peaxes en todas as autoestradas galegas ou a posta en marcha de axudas para o sector primario.