Os veciños de Lugo xa poden solicitar cita a través da web do Concello
Os veciños de Lugo poden solicitar cita a través do web do Concello dende onte 16 de febreiro. Isto supón a redución da carga de chamadas que cada día recibe o 010 para solicitar cita para os servizos. A cita previa telefónica continuará activa para facilitar o acceso ao Concello a todas as que non se desenvolvan ben coa tecnoloxía.
O sistema de cita previa está dispoñible para os servizos de Augas, Cemiterio, Estatística, Información ao Consumidor, Rexistro, Tarxeta Cidadá e Tesourería. Para solicitar a cita, deberase iniciar o procedemento a través do formulario habilitado na web concellodelugo.gal, seleccionando o servizo ao que se dirixe e o tipo de trámite a realizar, e escoller a data e hora desexada para presentarse no Concello. Despois deberanse cubrir os datos persoais da solicitante, incluíndo un teléfono de contacto e un correo electrónico, medios aos que chegará unha mensaxe confirmando a reserva da cita.
A través do mesmo trámite da web do Concello, pode eliminarse unha cita solicitada previamente, liberando a hora para que outra persoa poida asistir a realizar un trámite nese momento.
En resposta ás preguntas dos medios, Cristina López explicou que desde a área de Participación “contactamos con todos os servizos que contan con atención ao público para facilitarlles o acceso á cita telemática”, e engadiu “algúns servizos decidiron non participar debido á especificidade da atención ao público que ofertan, mais no caso de querer unirse á cita previa telemática, temos todo preparado para que en 24 horas aparezan no sistema”.