Os veciños de Negueira únense para loitar contra o parque eólico Valvaler
A veciñanza de Negueira de Muñiz únese para loitar contra o Proxecto do Parque Eólico Valvaler. Este proxecto está localizado nos concellos de Ibias e Allande, na zona do Alto de Valvaler, Penedo dos Valíos e Busbeirón que, aínda que están en Asturias, fan fronteira directa co concello de Negueira de Muñiz. Pretenden construír 14 aeroxeradores que, xunto co tendido eléctrico para a canalización de enerxía, esténdense pola Paisaxe Protexida Sierra de Carondio e Valledor, afectando gravemente a Hábitats de Interese Comunitario e especies protexidas como o oso pardo, o urogallo cantábrico, o morcego nóctulo grande ou o peto mediano. Pero, ademais, non ten en conta a afectación e lexislación no territorio galego. É tal a falta de precisión do proxecto que confunde o Concello lucense de Negueira de Muñiz, tamén espazo protexido, cunha parroquia asturiana.
As instalacións proxectadas afectarían numerosos espazos da Rede Natura 2000, sendo os máis próximos as Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) de Fuentes del Narcea, Degaña e Ibias, a ZEPA de Muniellos, as Zonas Especiais de Conservación (ZEC) de Río del Oro e Negueira, que se encontran dentro da área de influencia de 5 km das futuras instalacións. De feito a máis próxima é a ZEC de Negueira que se localiza a só 49 m do aeroxerador V-09. Por outra banda, resulta chamativo que se obvia por completo o Plan de Recuperación do oso pardo aplicable na zona.
No propio proxecto faise referencia á fraxilidade da paisaxe que se vería afectada e recoñécese que a construción do parque eólico levará asociado un risco de erosión debido ó movemento de terras e que, paralelamente a presenza da liña de alta tensión e o funcionamento dos aeroxeradores aumentarán o risco de incendio. Tamén se mencionan efectos directos e indirectos sobre fauna, vexetación, e contaminación acústica e visual, entre outros.
Os desmontes necesarios para a súa montaxe desfarían por completo varias montañas, xa que os accesos non poden superar o 7% de desnivel, cando os existentes son superiores ó 14% e son varios metros máis estreitos do necesario. Polo tanto, a perda da cuberta vexetal sería alarmante e afectaría ó hábitat de especies protexidas como oso pardo, lobo, pita de monte, peto mediano, voitre leonado, falcón peregrino, aguia real, nóctulo grande, etc., e flora como sobreira, freixo de folla estreita e acivro. A maiores das mortes por colisión, a fragmentación do territorio que supón, comporta a problemática da deriva xenética, efecto illa, e extinción de ditas especies xa de por si ameazadas. Ademais, tamén tería efectos nocivos sobre a saúde debido ó ruído e ós campos electromagnéticos que se orixinan, e producirá cambios drásticos no clima da zona dependendo da orientación dos aeroxeneradores, interferencias na rede de comunicacións, contaminación lumínica nocturna e gran impacto socioeconómico (despoboación e desvaloración turística).
Por outra banda, o proxecto afectaría ao patrimonio cultural que se atopa a menos de 10km dos aeroxeradores, incluíndo unha longa lista (Castro-Collada, Explotación de Villalaín, Petroglifos de Pena Colmea, Conjunto del Pozo de las Mujeres Muertas, Torre del Valledor, etc.) na que non aparecen enumerados os bens localizados en Negueira. Tamén, a liña de alta tensión proposta sobrevoa o Camiño de Santiago en tres puntos.
Finalmente, arguméntase un envellecemento da poboación que non se corresponde coa tendencia que se está a vivir no Concello de Negueira. Esta tendencia oposta pon de manifesto a especial valoración do medio natural e sensibilidade cara unha economía sostible que ten a poboación de Negueira e que posibilita que a mocidade poida vivir no medio rural sen poñer en perigo o futuro das xeracións vindeiras.