Os veciños de Vilamaior, en Monterroso, reciben material de prevención de lumes

LugoXa
A Xunta fixo entrega hoxe de material de prevención de incendios á asociación de veciños de Vilamaior, en Monterroso
VIlamaior Monterroso
28 Xuño 2022

A asociación de veciños de Vilamaior, en Monterroso, recibiu hoxe material de prevención de incendios, no marco do Plan de prevención de incendios forestais e co obxectivo de fomentar a participación cidadá nas tarefas de xestión da biomasa.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo entrega de material valorado en 6.000 euros, entre o que figuran cinco desbrozadoras, unha motoserra, discos e elementos de reposto, roupa, cascos, calzados e luvas de protección, así como batelumes, entre outros.

A medida está vinculada ao convenio asinado entre Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) sobre tarefas de mantemento das faixas secundarias, que permite que os veciños e veciñas actúen con labores preventivos nestas zonas, as máis próximas ás vivendas.

Arias afirmou que “a loita contra os incendios forestais é unha tarefa de todos” e apelou á necesidade de observar as normas, alertar dos lumes e denunciar aos causantes. Neste sentido, lembrou que a Xunta pon a disposición da cidadanía dous números de teléfono gratuítos: 900 815 085, para dar conta de calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento; e o 085, para alertar sobre algún incendio e permitir que os efectivos do Servizo de prevención e extinción poidan chegar o antes posible e minimizar as consecuencias do lume.

0.19479608535767