Os veciños do Corgo volveron quedar sen luz durante horas

LugoXa
A alerta amarela por tormentas e precipitacións fíxose notar en varios puntos da provincia de Lugo
raios-ceo-tormenta
Foto recurso
30 Xul 2024

A alerta amarela por tormentas e precipitacións fíxose notar en varios puntos da provincia de Lugo, onde se rexistrou unha abundante actividade eléctrica e mesmo sarabia. De feito, MeteoGalicia notificou máis de 3.500 raios entre as 14.00 e as 18.00 horas e chuvias de máis de 10 l/m2 en 10 min e descenso moi brusco da temperatura.

No caso do Corgo repetiuse unha situación que non é allea no municipio, xa que os veciños volveron quedar sen luz durante horas. O corte tivo lugar a partir das 17.00 horas da tarde e ata ás 02.00 da madrugada, aproximadamente, non se puido restablecer o servizo. Segundo apuntan, a caída dunha árbore que afectou ao tendido eléctrico provocou que estiveran durante horas sen subministro tanto na capitalidade municipal como nas distintas parroquias coas consecuencias que ten tanto para os particulares como as perdas económicas que poden sufrir os propietarios dos negocios.

Aínda que lles aseguraron que retomarían o servizo en torno ás sete da tarde, afirman que a situación non volveu á normalidade ata ben entrada a madrugada. Deste xeito, a veciñanza amosou o seu molestar por unhas incidencias que non son novas para eles. Demandan, deste xeito, un mantemento en condicións por parte da compañía Naturgy, antigamente Gas Natural Fenosa. Esta xornada seguirán os chuvascos, con menos intensidade, e sen avisos por tormenta.

0.092530965805054