Os veciños están convocados hoxe pola Federación para falar do autobús
A Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo convocou para hoxe, 21 de setembro ás 20 horas, no local social –situado na rúa Luís Ameijide, 10 de Lugo- unha reunión con motivo da problemática ocasionada pola remodelación do trazado de liñas de autobús urbano.
Dita reunión ten como obxectivo tomar unha decisión tras a proposta da Concellería de Mobilidade do Concello de Lugo –ostentada polo BNG- de reunirse cos veciños e veciñas dos diferentes barrios e parroquias lucenses cun número paritario de representantes do BNG e da Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti.
"A este respecto, cabe engadir que a proposta actual do BNG de reunirse cos veciños e veciñas lucenses é exactamente o que, desde a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo levamos 3 meses solicitándolles –tamén por rexistro electrónico tras cada unha das reunións que celebramos, desde a nosa entidade, nos diferentes barrios e parroquias lucenses-", indican.
A reunión contará coa asistencia dun máximo de 25 persoas por motivos de aforo en cumprimento da normativa sanitaria por covid-19, que actuarán como representantes dos diferentes barrios e parroquias lucenses.
De acordarse (por decisión dos veciños e veciñas) a celebración das reunións propostas, procederase á convocatoria das mesmas.