Os Xílgaros de Lugo celebran o patrón de Santiago de Castelo con música, homenaxes e tradición

LugoXa
A agrupación, dirixida por Óscar Pérez, acompañará a misa e o pasarrúas do 25 de xullo, cunha ofrenda floral en recordo de D. José Otero Ledo e coas súas pezas tradicionais
Os-Xílgaros-de-Lugo-Catedral
18 Jul 2025

A agrupación tradicional Os Xílgaros de Lugo, fundada e liderada por Óscar Pérez, volverá a ser protagonista o vindeiro 25 de xullo na parroquia de Santiago de Castelo, lugar ao que o propio director está vinculado persoalmente e onde o colectivo desenvolve as súas actividades ao longo do ano, entre obradoiros e ensaios.

A xornada festiva comezará a primeira hora da mañá cun amplo percorrido de pasarrúas por distintas rúas e barrios da parroquia, animando aos veciños e veciñas, que adoitan saír a recibir á agrupación e mesmo a compartir algunha parada para repoñer forzas durante o traxecto, segundo explica Óscar Pérez.

Xa ás 13:00 horas, Os Xílgaros participarán nos actos relixiosos na igrexa parroquial de Castelo, acompañando a misa oficiada polo actual párroco, don Luis Varela. No transcurso da cerimonia, o propio Óscar Pérez interpretará xunto aos seus compañeiros unha peza solemne como homenaxe a don José Otero Ledo, o sacerdote que foi referencia na parroquia e que este ano cumpre unha década desde o seu pasamento en 2015. Xunto á música, realizarase tamén unha ofrenda floral diante da placa conmemorativa en honra a don José.

Os Xílgaros levan máis de dez anos participando nas celebracións do patrón, unha tradición que mesmo recuperaron en 2015 da man de Óscar Pérez, quen cumpriu así unha promesa persoal feita ao párroco no ano 2014. Desde entón, a agrupación musical contribúe a revitalizar a festa, incluíndo novamente a procesión de Santiago, ausente durante máis de dúas décadas.

Durante a xornada, interpretarán pezas tradicionais do repertorio galego, como muiñeiras, xotas e pasodobres, incluíndo temas do seu disco “Os Xílgaros de Lugo, a volta da festa 10 anos”, no que recollen composicións propias e cancións recuperadas do folclore popular. Entre elas, non faltará o xa emblemático “Pasodoble de Castelo”, composto polo propio Óscar Pérez e moi querido polos veciños da parroquia.

Como continuación da súa actividade durante o verán, Os Xílgaros actuarán tamén o día seguinte, 26 de xullo, na foliada das festas de Santiago en Castroverde a partir das sete da tarde, levando alí tamén a súa música e o seu espírito de festa e tradición.

⚙ Configurar cookies
0.13462901115417