Os Xílgaros de Lugo preparan a súa décimo Foliada Magosto: “Temos récord de grupos"

LugoXa
Ademais da propia formación, 8 agrupacións compoñen o cartel da cita do 9 de novembro, "un evento 100 % tradicional para que desfruten os lucenses e os de fóra tamén co obxectivo de difundir a nosa cultura e de desfrutar xuntos”, di Óscar Pérez
foliada-magosto-os-xilgaros-2023-lugo
20 Out 2024

Lucía Blanco

Os Xílgaros de Lugo volven apostar polo folclore e a nosa tradición nun ambiente único. Óscar Pérez, fundador da agrupación, organiza unha nova convocatoria da Foliada Magosto na que confluirán, ademais da propia formación e membros da asociación, 8 grupos procedentes de distintos puntos da provincia para converter a cidade en capital da música tradicional o sábado 9 de novembro. “Este ano digamos que é abrumador, temos récord absoluto de grupos participantes. Sempre viñan entre uns 4 ou 5 e mesmo cheguei a xuntar 6, pero como nesta edición nunca. De feito, había outros 3 grupos pendentes e dixen vou parar”, explica este gaiteiro autodidacta.

Acompañaranos Arume de Burela, Os do 21 do Vicedo, Fol do Raxal de Cervo, Grupo Río Miño dende Portomarín, Os Tarabelos do Saviñao, Os Tres Pés que veñen de Chantada e os locais A Volta do Agro e Nubeiro. “Gústame traer doutras zonas porque non é o mesmo o que se toca na Montaña, na zona da costa ou en Chantada. Haberá grupos de canto, de pandeireta e de baile. Vai a ser moi dinámico”. Para algúns esta supón a súa primeira vez na foliada, aínda que outros repiten. “É tamén unha mostra de agradecemento para os que tamén viñeron outros anos”.

O programa comezará ás 19.00 horas na cafetería restaurante Yaldara coas actuacións de todos os inscritos. Seguiralle o sorteo dos premios, que van dende un abre botellas con forma de nota musical, farrapos de la artesá para a gaita, baquetas de tamborileiro, pandeiretas coa súa funda ata o máis esperado: unha fin de semana para dúas persoas no Piornedo. “Cada ano intento buscar premios e agasallos distintos. Pero sempre vinculados coa música e co tema tradicional”, asegura.

Logo é a quenda dunha foliada aberta a todo aquel que queira unirse, aínda que o pistoletazo de saída será unha interpretación única. “Todos os grupos imos tocar A Muiñeira de Fermín, que tocaba meu avó e que temos no noso disco. Creo que non hai mellor maneira de xuntalos a todos con esa peza tradicional, porque me gustaría que cada formación a aprendera e a tocara onde quixera e que así o legado do meu avó seguira vivo”, di Óscar sobre un dos momentos máis agardados de toda xornada.

Gran acollida

“Vai ser moi especial. Contamos cun mínimo duns 100 músicos tocando todos xuntos esa muiñeira. En si xa é moi bonito a aceptación de todos que dixeron que para adiante, que era unha moi boa idea”. Unha aceptación que precisamente se consolida e medra ano tras ano en cada unha das convocatorias da proposta. “Xa me dixo a miña muller, Merche, que é a nosa pandereteira, e o grupo que me pasara un pouco pero é que vai indo a máis —di entre risas—. Eu acórdome da primeira foliada que fixen na que eramos 4 colegas de Lugo e foi algo totalmente improvisado. Isto foi collendo máis forza e mesmo temos grupos anotados desde comezo de ano xa”.

Pero como tamén é un magosto, as castañas tampouco poden faltar. “Asámolas ese día e son de balde ata que se esgoten. No 2023, nunha hora xa acabamos os 45 quilos que tiñamos preparados”, lembra. As previsións desta nova xuntanza pintan moi ben para estes amantes do propio. “Na última edición xuntamos unhas 350 persoas ao longo da xornada e digamos que no punto álxido estaba o local totalmente cheo a xente aparcaba pola estrada xeral e como podían”. Pérez tamén destaca que se trata dun evento sen axuda institucional polo que lle dá ás grazas aos colaboradores que tamén o fan posible.

“Uns aportan un premio e outros fan un pequeno desconto, cada un o que pode. Hai desde artesáns, tendas de música e de equipos de son, restaurantes…”. Anima a veciños e visitantes a achegarse para compartir o gusto polo noso nun ambiente que logra facer sentir a todos como na casa. “A idea é facer un evento gratuíto 100 % tradicional para que desfruten os lucenses e os de fóra tamén co obxectivo de difundir a nosa cultura e de desfrutar todos xuntos”.

foliada magosto os xilgaros
0.18217492103577