Os Xogos Autonómicos de Baloncesto Special Olympics celébranse mañá en Lugo
Os XXVI Xogos Autonómicos de Baloncesto Special Olympics Galicia para persoas con discapacidade intelectual celebraranse este sábado, 5 de novembro en Lugo, nas instalacións municipais do Polideportivo de Frigsa e o Palomar.
Mauricio Repetto, concelleiro de Deportes e Xuventude, destacou o cariño con que a cidade acolle un ano máis este evento, “tan importante porque o deporte é unha magnifica oportunidade de integración e para a incorporación das persoas con discapacidade á sociedade de forma activa, pero ademais a súa práctica habitual inflúe no desenvolvemento persoal e mellora a calidade de vida e da saúde”
O encontro contará coa participación de 153 deportistas de 13 asociacións, dos que máis do 50% son da provincia de Lugo, e 35 adestradores. A inauguración será ás 10.30.
Na presentación destas probas tamén estiveron presentes Eladio Fernández Pérez, presidente de Special Olympics Galicia, Efrén Castro, deputado de Deportes, e Manuel Otero Méndez, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta. Además, acudiron, por parte do Centro San Vicente de Paúl, os deportistas Lorena Dacosta e José Marcos; o seu presidente, Juan José López, e a educadora social, Ana Toubes.
Mauricio Repetto agradeceu á organización deste evento “por permitirnos colaborar un ano máis con estes xogos porque cremos que é fundamental que a cidadanía teña como referente non só ao deporte de elite e á alta competición, senón ao deporte de base e o inclusivo, e estes xogos son o mellor exemplo de que con ganas e esforzo se poden superar todas as barreiras”.
Repetto tamén apuntou que “o deporte aporta un plus especial para as persoas con discapacidade, xa que non só é adestrar e mellorar as súas condicións físicas senón que é avanzar enormemente na autoestima, a integración social e a visibilidade das discapacidades, o que nos permite seguir sumando e dando pasos importantes en favor da igualdade”.
SPECIAL OLYMPICS GALICIA
É unha Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de persoas con discapacidade intelectual que traballan para promover a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte, o lecer, a cultura e o voluntariado.
O obxectivo é fomentar as capacidades persoais de cada participante, potenciando características como a iniciativa, o liderado, a cooperación, o valor e o autodominio, o que se traduce nunha mellora da confianza e amor propio da persoas con discapacidade intelectual.