Os xulgados galegos rexistraron unha media de 21 denuncias ao día por violencia de xenero

En Galicia rexistráronse en 2024 un total de 7.602 denuncias por violencia de xénero, case 21 ao día. En comparación co ano anterior, aumentaron un 1,6 %. O número de mulleres vítimas descendeu un 2,6 %, pois se contabilizaron 7.248, fronte ás 7.438 de 2023. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) na comunidade foi de 51,6, a segunda máis baixa do Estado, cuxa media se situou en 74,2. Ademais, en 2024 rexistráronse 66 menores tutelados vítimas de violencia de xénero. Neste último dato contabilízanse aos fillos/as de vítimas sobre os que o maltratador exerceu violencia de forma directa.
A gran maioría das denuncias, o 73,9 %, foron presentadas polas propias vítimas, ben nos xulgados ou en dependencias policiais, cifra que segue sendo moi superior á das denuncias presentadas polos achegados da vítima, que apenas alcanza un 1,8 % do total. As denuncias derivadas directamente de atestados policiais representaron o 16,4 %; as orixinadas por partes de lesións, o 4,9 %; e as interpostas por terceiras persoas alleas ás vítimas, o 2,8 %.
Os xulgados galegos que asumen os casos de violencia sobre a muller concederon o ano pasado 1.183 ordes e medidas de protección e seguridade, un 8,9 % menos que en 2023. En total, recibiron 1.819 peticións destas medidas protectoras -un 5,7 % menos que en 2023-, das cales foron concedidas o 65 %; mentres que os xulgados en funcións de garda incoaron 452, das que adoptaron 274, o 60 %, segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).
O 89,5 % das sentenzas ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller entre xaneiro e decembro do ano pasado en procesos de violencia de xénero foron condenatorias, unha cifra que alcanza o 78,4 % nas emitidas polos xulgados do penal neste tipo de procedementos; e o 83,3 % nas ditadas polas audiencias provinciais. No período estudado, os xulgados de menores axuizaron a 19 persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller.
Segundo os datos estatísticos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en 2024 na comunidade descenderon un 12,2 % os casos de vítimas que se acolleron a dispensa do deber de declarar, pois optaron por esta opción 433 mulleres, fronte ás 493 que o fixeron en 2023.
Por outra banda, os órganos xudiciais ditaron 663 medidas cautelares civís, cuxa finalidade é a protección da muller e dos menores en tanto se resolve o proceso penal. As máis frecuentes foron as relacionadas coa prestación de alimentos (189), que representaron o 28,5 % do total. Ademais, adoptáronse 171 relativas á atribución da vivenda; 172 sobre suspensión do réxime de visitas; e 79 sobre suspensión da garda e custodia. Ademais, no período analizado, os xulgados impuxeron 2.431 medidas de protección de carácter penal (derivadas das ordes de protección e doutras medidas cautelares de protección e seguridade das vítimas), sendo as máis frecuentes a orde de afastamento (45 % sobre o total) e a prohibición de comunicación (43,4 %).