Óscar Fernández Gómez será o candidato do PP á alcaldía de Cervantes

LugoXa
Óscar Fernández Gómez será o novo candidato que presenta o Partido Popular para conseguir a alcaldía de Cervantes
Presentación candidato Cervantes
30 Xan 2023

Óscar Fernández Gómez é o candidato do Partido Popular á alcaldía de Cervantes. Así o anunciaron os populares nun encontro con numerosos afiliados e veciños do municipio ao que asistiron tamén a presidenta do PP lucense, Elena Candia; o coordinador e portavoz, José Manuel Balseiro; a deputada natural de Cervantes, Encarna Amigo; entre outros deputados autonómicos, alcaldes, portavoces e representantes do PP da zona da Montaña e dos Ancares.

Fernández Gómez, de 36 anos de idade e técnico superior en xestión dos recursos naturais, é veciño de San Pedro de Cervantes e presidente da xestora do PP local. “Cervantes merece e precisa un goberno renovado, con ilusión, con capacidade de xestión e con políticas de apoio e atención aos veciños e veciñas dirixidas a fomentar que a xente nova se asente no municipio e atender nas súas casas aos nosos maiores, aos que tanto lles debemos. E iso é o que ofrece o Partido Popular, a alternativa a un goberno local totalmente desgastado”, sinalou o candidato popular.

O candidato á alcaldía, trasladou o seu “compromiso de traballo por Cervantes” acompañado dunha candidatura “renovada, preparada e implicada co noso concello, coas necesidades dos nosos veciños e con ganas de defender o noso territorio” porque “o corazón dos Ancares late con forza”.

Óscar Fernández sinalou que “o noso proxecto, porque é un proxecto que ten en conta a todos os veciños, se basea en escoitar as súas necesidades para darlles resposta dende o goberno municipal”. É por iso polo que “queremos involucrar aos veciños e veciñas neste proxecto que ten como obxectivo construír un concello mellor para todos”.

Así mesmo, nomeou tamén que “queremos ofrecer un goberno que informe aos veciños sobre iniciativas doutras administracións que lles poidan resultar de interese; pero, sobre todo, que os apoie dende as competencias que son propias do Concello”. Nesa liña, citou a modo de exemplo “o apoio ás asociacións que, dende fai anos, son as que están a promover iniciativas no ámbito da cultura e o turismo, principalmente”.

0.18004083633423