Óscar Pérez, de Os Xílgaros de Lugo: “Cando toco a gaita noto unha enerxía como se meu avó me axudara”

LugoXa
Este gaiteiro autodidacta fundou no 2013 o grupo e a asociación para impulsar a tradición. “A música para min é transmitir, non é só tocar e xa está, é algo sentimental”, conta
os_xílgaros
4 Ago 2024

Lucía Blanco

“Cando toco noto unha enerxía como se meu avó me axudara, é unha conexión moi estraña”, conta Óscar Pérez, gaiteiro autodidacta ao que o amor pola música lle corre polas venas. Faleceu cando tiña só 5 anos e non lle puido ensinar nada, pero quixo igualmente que non se perdera o relevo dun dos “primeiros gaiteiros da comarca”, natural de Vilares, en Neira de Rei. Esa paixón polo noso levouno precisamente a fundar o grupo e a asociación Os Xílgaros de Lugo, que cumpre once anos impulsando a tradición, aínda que naceu “de casualidade”.

A Óscar, que era solista, chamárono para actuar e tras unha xuntanza cuns compañeiros lograron sentar as bases da agrupación. “Falei con catro amigos, entre eles a miña muller Merche que é pandereteira, e ao saír desa actuación improvisada pensei en montar o grupo co obxectivo de divulgar a música tradicional e o folclore e darlle simboloxía ao tema da natureza”. Obxectivos que ben recollen o propio nome e o deseño dos que el mesmo se encargou. “Collín o punteiro da miña gaita que é de buxo, un arbusto típico galego. Na miña casa teño un que plantou meu avó e fusionei a rama de buxo co punteiro para explicar que de aí vén a música tradicional”.

A Foliada Nordestía de San Cibrao, a do Saviñao, o Corpus de Lugo, as patronais de Santiago do Castelo e a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia na Catedral de Lugo, onde tocou como solista fusionando a gaita cos órganos e “gustou moitísimo porque dálle un toque maxestuoso”, engádense a unha larga lista de actuacións tanto polo territorio galego como por Portugal, que cobran especial forza a partir de marzo. “Hai unha constancia e un compromiso de ensaio moi grande e ao ter un repertorio tan variado hai que levalo ben preparado. Desde a fundación as actuacións foron a máis e pouco a pouco imos facendo o camiño”.

Actuacións por Galicia e Portugal

Os vindeiros meses veñen cargados tanto para Óscar e Merche como para Genaro, que toca o bombo; César, que se encarga da caixa e para os gaiteiros David e José Luís, que acaban de compoñer Os Xílgaros. “Estamos moi contentos pola acollida. Agosto e setembro témolos todos completos. Temos unha voda; actuacións en Cartelos (Taboada), en Cela (Outeiro de Rei), no Folión de Carros, en Chantada e nos Domingos Folclóricos de Potomarín. E en setembro estaremos pola zona de Navia e en Lugo e máis actuacións que estamos ultimando”. En canto ao repertorio, asegura que todas as pezas contan con algo especial.

“Depende tamén do momento. Estivemos, por exemplo, nuns cantos de taberna no Saviñao e mentres tocabamos A Muiñeira de Armenteira notei que todos estaban moi metidos e quixen darlle un plus improvisando e empalmamos coa Muiñeira de Chantada sen parar. Mentres toco estou a todo, aos meus compañeiros pero tamén a como reacciona o público”, lembra. Outra das actuacións que recorda con especial cariño, aínda que son moitas, foi a estrea da composición sobre a súa parroquia, Santiago de Castelo.

“Tocámola en directo por primeira vez nas Festas do Santiago, diante dos veciños, e fíxolles moita ilusión”, conta Pérez ao que sempre o acompaña a gaita que mandou construír en recordo do seu avó. Algunha das súas composicións e pezas doutros grupos tradicionais históricos como Os Gaiteiros de Soutelo ou Campaneiros de Vilagarcía, aos que querían darlles unha homenaxe, aparecen recollidas no seu disco, gravado 100 % na cidade, que sacaron no 2023. “Foi por celebrar o noso décimo aniversario e era algo que ía quedar para sempre, era o momento. Fixémolo en formato físico, encargueime tamén de todo o deseño, porque son partidario das redes sociais pero as plataformas son algo máis frías”.

Obradoiros de música

As 18 cancións deste álbum, toda unha proeza porque o gravaron en 5 horas, reflicten ben a esencia destes músicos. “O do estudo non o cría, pero levabamos todo moi ben preparado. Fixemos como un simulacro dunha actuación en directo porque queríamos que cando o escoitasen transmitise como se estivésemos diante deles tocando no salón da casa ou no coche”, di. Pero non se centra só no traballo co grupo, senón que tamén promove clases e obradoiros de música, canto, pandeireta, gaita ou percusión a través da asociación, que está aberta a novas incorporacións e conta cuns 20 socios que van dos 24 ata os 72 anos.

“Require paciencia, pero a miña maneira de ensinar a música ou transmitila é natural, entón adáptome a unha persoa que sexa maior e ao mellor non sabe de solfeo ou se é máis nova e ten outras calidades e pode absorber mellor as cousas, por exemplo”. O calendario complétano as xuntanzas periódicas como xa a clásica Foliada-Magosto, no mes de novembro, na que logran reunir grupos de música tradicional de distintos puntos da xeografía galega como Ortigueira, A Coruña, Pontevedra e Lalín.

“Cada ano vai collendo máis auxe porque imos mellorando cousas. Na última creo que chegamos ás 350 persoas. O tempo non acompañou pero todos nos din que é unha pasada polo a gusto que están. É moi bonito velos tocando e cantando xuntos, mesmo xente que non vén do mundo tradicional e se anima. Cando se van e a valoran, comentan que é como se estiveran na casa”. O presidente deste colectivo recoñece que estes 11 anos non foron nada doados, pero forzas non lle faltan para seguir facendo o que máis desfruta: poñer en valor o folclore e compartir o gusto por esta arte. “Todo o facemos dende o corazón. A música para min é transmitir, non é só tocar e xa está, é algo sentimental”.

 

 

 

0.098103046417236