Outeiro de Rei acolleu a reunión da Mesa contra a violencia de xénero
O Concello de Outeiro de Rei acolleu onte a mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, coordinada por Rosa Muñiz, responsable técnica do programa de dinamización e apoio ás mesas locais posto en marcha pola Secretaría Xeral de Igualdade.
Estas mesas locais nacen co obxectivo de canalizar os esforzos e recursos das diferentes institucións para a prevención e loita contra a violencia machista. Ademais, apoian aos concellos para mellorar o seu traballo e que sexan espazos útiles e operativos.
Por outra banda, facilitan o desenvolvemento de dinámicas cooperativas e o establecemento de redes de colaboración entre as diferentes institucións e colectivos sociais que interveñen no territorio. E, finalmente, establécense sesións dinámicas, reflexión e proposicións colectivas.
Trátase de identificar e traballar, o que se pode mellorar e recoller medidas útiles para poñelas en práctica.
Entre os participantes nesta sesión estiveron Pilar Méndez Lombao, conselleira de Deportes e Medio Ambiente; Anxo Lage García, Director do IES de Rábade; Marisol Picón, técnica de Emprego e Desenvolvemento Local, e Lucía Seijas, directora da Escola Infantil.