Outeiro de Rei acolleu un debate sobre o rural

Este mércores, o salón de actos da Casa da Cultura de Outeiro de Rei acolleu a sesión A debate no eirado”, un programa dixital enfocado ás redes sociais e á mocidade a iniciativa de Xurdir Producións.
Este programa nace cuns obxectivos claros: fomentar a participación activa da mocidade en temas de actualidade e en zonas rurais; resaltar as oportunidades de emprendemento que presenta o rural (valor e potencial económico do medio rural); revalorizar o entorno rural como espazo de calidade de vida para os mozos e mozas; poñer en valor a Formación Profesional en diferentes sectores nos que hoxe en día se necesitan técnicos e técnicas formados (sector primario, gandaría, forestal, carpintería…); ofrecer un espazo en galego de actualidade e de valorización da nosa lingua para a mocidade.
Durante o acto, púidose escoitar e debater a David (Maquinaria Agrícola, Robra), Óscar Mouriz (Gandeiro, Folgueira), Ana Pozo (Bar O Pozo, Outeiro de Rei), Alba (presidenta da Asociación de Penas de Rodas) e o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao. O evento estivo presidido por Alba Tojo.