Outeiro de Rei acolleu unha nova xuntaza da Mesa Local fronte á violencia de xénero

TerraChaXa | LugoXa
O Concello de Outeiro de Rei acolleu a xuntanza da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero,
31 Maio 2022

O Concello de Outeiro de Rei acolleu a xuntanza da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, onde estivo presente a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, que destacou o importante papel deste órgano na prevención e actuación áxil ante a detección de casos e para garantir a eficacia dos recursos destinados ás vítimas.  Sinalou que son “factor determinante” para conseguir unha mellor eficacia e complementariedade dos recursos destinados á intervención integral coas vítimas e engadiu que as mesas locais constitúen una ferramenta operativa na que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero.

Nesta reunión participaron tamén o alcalde, José Pardo Lombao, así como Pilar Fernández López, xefa Territorial da Xunta, as concelleiras de Servizos Sociais e Deportes, a traballadora social e a educadora familiar, os directores dos centros educativos, unha médico de localidade e outros técnicos municipais.

Ademais de membros da Mancomunidade, dos concellos que a integran e da Xunta e do Goberno central; as mesas están conformadas por interlocutores dos Centros de Información á Muller, da Garda Civil e da policía local, así como persoal de centros educativos e sanitarios das localidades que integran o ente supramunicipal.

“A coordinación e a colaboración son as premisas fundamentais para unha atención máis áxil, eficiente e eficaz ás mulleres que ven vulnerados os seus dereitos por mor da violencia de xénero”, remarcou a secretaria xeral.

A representante autonómica sinalou que a Xunta está a impulsar a constitución destas mesas e, así, o pasado ano a Consellería de Emprego e Igualdade fixo un estudo diagnóstico para coñecer as principais características destes órganos e identificar as necesidades das entidades que conforman a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero. Tal e como destacou López Abella, o Goberno galego traballa co obxectivo de intensificar o traballo destas entidades nos concellos que xa as teñen constituídas e axudar á súa creación naqueles nos que aínda non existe. Esta posibilidade está aberta no caso dos 219 municipios que integran a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero. Para favorecela, a Secretaría Xeral da Igualdade ten ao seu dispor cadanseus manuais de apoio, unha guía de carácter práctico para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero; e unha segunda guía dirixida á dinamización dos órganos existentes.

É preciso lembrar que a Xunta e a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) asinaron en 2012 un protocolo de colaboración para establecer unha rede de entidades locais contra a violencia de xénero para realizar, entre outras accións, programas de sensibilización social en contra desta lacra. Froito deste acordo, a finais de 2021 estaban adheridas á rede un total de 219 entidades locais nas que a Secretaría Xeral da Igualdade desenvolveu de xeito gratuíto diferentes actividades nos concellos e mancomunidades que así o solicitaron. En concreto, realizáronse actuacións en 172 entidades: 65 na provincia da Coruña; 33 en Lugo; e 37 en Ourense e Pontevedra.

Violencia vicaria e dixital

López Abella, ademais de poñer en valor o traballo das mesas de coordinación, indicou que a comunidade galega segue na vangarda da loita contra a violencia de xénero e a discriminación da muller en todos os eidos, ao permitir visibilizar novas desigualdades e avanzar para erradicalas. Precisamente, na xuntanza celebrada hoxe tivo lugar unha sesión formativa  na que se abordaron os diferentes tipos de violencia machista e a importancia da identificación precoz dos casos en ámbitos como o educativo ou sanitario.

Galicia é referente e leva a dianteira ao recoñecer, tal e como apuntou a secretaria xeral, a violencia vicaria e a dixital como formas de violencia de xénero. Dun lado, un acordo parlamentario de 2015 permitiu recoñecer como violencia vicaria  non só aos fillos ou fillas asasinados, senón tamén ás persoas próximas á vítima de violencia de xénero e, así, garántese desde 2015 a estas persoas todas as axudas e servizos no marco da violencia de xénero. Galicia é referente tamén na inclusión da violencia dixital  na súa lexislación para loitar contra as condutas violentas exercidas a través das tecnoloxías con finalidade de discriminación, dominación, control e intromisión sen consentimento na privacidade da vítima.

Para rematar, López Abella referiuse a que a nova Lei galega de Igualdade, que na actualidade está en tramitación, impulsará, entre outras medidas, a protección das mulleres fronte a ataques sexistas a través de medios tecnolóxicos; promoverá programas municipais para crear espazos urbanos libres de violencia e acoso sexual; ou recoñecerá a discriminación múltiple da muller por discapacidade, etnia, idade, pobreza ou inmigración.

0.14087700843811