Outeiro de Rei aproba a terceira modificación da RPT para crear unha praza de tesoureiro

Este xoves celebrouse ás 12:00 horas na Casa Consistorial de Outeiro de Rei un pleno ordinario no que se trataron varios asuntos relevantes para o funcionamento do Concello.
Na sesión aprobouse, con 11 votos a favor e 1 abstención, a acta da sesión anterior. Ademais, formalizouse a toma de posesión de Noelia Fompedriña como nova concelleira do BNG en substitución de Xosé Ferreiro Fernández, quen presentou a súa renuncia por motivos persoais.
Fompedriña, natural da parroquia de Cela, persoa vinculada ao mundo do asociacionismo estréase así nunha corporación na que estará acompañada por Miguel Vieito e Elvira Lombao. “Representa unha nova xeración comprometida e con ganas de mellorar o futuro de Outeiro de Rei”, expoñen dende o BNG.
“Asumo reto de entrar no grupo municipal con ilusión e con ganas de achegar ideas para conseguir que o concello de Outeiro de Rei sexa un concello mellor”, expuxo Noelia.
Entre os temas destacados, aprobouse por unanimidade a terceira modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que inclúe a creación da praza de tesoureiro de habilitación nacional. Esta medida ten carácter preventivo, ante a próxima xubilación do actual titular do posto, co obxectivo de garantir a continuidade e o bo funcionamento da administración municipal.
Tamén se aprobou por unanimidade a modificación do Anexo de Persoal funcionario I, no marco do expediente de elaboración e aprobación do orzamento municipal.
Por último, debateuse o expediente relativo ao convenio de contratación para a recollida do lixo, co fin de realizar unha delegación de competencias no Concello de Begonte. Deste modo, Begonte encargaríase da tramitación da contratación deste servizo, tal como fixera Outeiro de Rei en ocasións anteriores. O convenio abrangue os concellos de Castro de Rei, Cospeito, Friol, Guntín, Mondoñedo, Rábade e Outeiro de Rei. A proposta foi aprobada con 12 votos a favor e 1 abstención.