Outeiro de Rei aproba por unanimidade a declaración institucional do 8M e rexeita as mocións da oposición

O Concello de Outeiro de Rei celebrou este xoves sesión plenaria ordinaria na que todos os grupos subscribiron unha declaración institucional con motivo da celebración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Tras votar por unanimidade, malia a ausencia de dous concelleiros, un do PP e outro do BNG por motivos de saúde, a urxencia da súa incorporación á orde do día, procedeuse á lectura do texto, no que se puxo en valor o papel histórico da muller como loitadora e como coidadora no ámbito familiar, salientando o seu esforzo para conquistar maiores espazos de participación e igualdade de dereitos.
Neste manifesto, a Corporación reafirma o compromiso coa igualdade real e co impulso de políticas públicas transformadoras en todas as áreas, animando ademais á veciñanza a participar nos actos reivindicativos e na loita contra a violencia de xénero que se celebrarán en Outeiro de Rei durante o mes de marzo.
Na sesión aprobouse tamén a acta anterior, aínda que contou cos votos en contra dos dous concelleiros do BNG, que consideraron que o documento non reflectía con claridade determinados intercambios dialécticos producidos no pleno previo.
Outro dos puntos que foi aprobado, foi a moción do equipo de Goberno, na que solicitaba unha declaración do Pleno para instar ao Goberno central a retirar o recurso de inconstitucionalidade presentado contra a lei autonómica de dependencia “o que paralizaría o Plan de axilización da dependencia e a discapacidade da Xunta de Galicia”.
Defendeu o alcalde, José Pardo Lombao, na súa exposición que as persoas dependentes son unha prioridade e que o Estado debe asumir a débeda pendente e a porcentaxe de cofinanciamento comprometida. O PP lembrou que entre as medidas creadas polo Concello de apoio ás persoas dependentes, está o programa de respiro familiar, destinado precisamente para os coidadores. O grupo de goberno seguiu coa moción malia que o Tribunal Constitucional retirou a suspensión da lei.
O BNG cuestionou a urxencia da proposta e realizou críticas á xestión das políticas de dependencia, mentres que o PSOE sinalou posibles inconsistencias na norma denunciada polos socialistas de Madrid. A iniciativa foi aprobada por oito votos a favor e tres en contra.
MOCIÓNS DA OPOSICIÓN
No debate político, o BNG presentou unha moción na que demandaba un plan de revitalización do núcleo urbano, xustificando a proposta no peche de negocios e na perda de servizos. Segundo expuxeron, “na vila apenas permanecen o centro de saúde, a farmacia e unha entidade bancaria”, e aseguraron que non se están adoptando medidas para dinamizar a localidade nin para asentar poboación estable. Criticaron a inexistencia dunha política de desenvolvemento local e dun plan urbanístico actualizado, afirmando que Outeiro de Rei se está a converter “nun concello dormitorio de Lugo”.
O PSOE apoiou a moción, sinalando que comparte a preocupación pola situación do centro urbano e apostando por impulsar desde o diálogo un programa municipal de dinamización.
O alcalde, José Manuel Pardo, rexeitou as críticas e asegurou que non é necesario ningún plan de revitalización, xa que, como explicou, “a realidade non é a descrita pola oposición”. Defendeu o crecemento experimentado pola vila nas últimas décadas, a existencia dun plan urbanístico e as medidas de apoio ao emprendemento, como bonificacións fiscais e liñas de axuda. Subliñou tamén o desenvolvemento de infraestruturas, a creación de servizos e o alto nivel de ocupación do parque empresarial. “Gañamos poboación e iso quere dicir que as cousas se están facendo ben”, afirmou. A moción foi finalmente desestimada por oito votos en contra e tres a favor.
O PSOE presentou igualmente unha moción relativa á mellora da atención aos animais, na que reclamaba unha planificación máis ambiciosa ante as protestas veciñais pola recollida de cans e a existencia de colonias felinas sen control. A proposta incluía a realización dunha avaliación técnica do servizo, a elaboración dun protocolo de control das colonias nun prazo de seis meses, a esterilización e a solicitude de apoio á Xunta e á Deputación. O BNG apoiou a iniciativa, lembrando que xa trasladara esta preocupación con anterioridade e que existen liñas de axuda para este tipo de actuacións.
Pola súa banda, o alcalde defendeu que o servizo funciona correctamente, aínda que recoñeceu incidencias puntuais, e criticou que “moitas leis non veñen acompañadas de financiamento suficiente” para explicar que o Concello prioriza servizos esenciais, como o de Axuda no Fogar, a escola infantil ou a extensión da fibra óptica, e lembrou que se concede unha axuda municipal de 100 euros para a adopción de animais, cunha dotación aproximada de 2.000 euros mensuais. A moción foi rexeitada por oito votos en contra e tres a favor.
No apartado de rogos e preguntas, o BNG solicitou trasladar á Xunta a necesidade de arranxar a estrada LU-115 e propuxo a creación dun monumento dedicado a Manuel María ou á olería de Bonxe. Tamén se abordou a mellora do servizo municipal de abastecemento de auga, co anuncio por parte do alcalde da implantación dun sistema de monitorización e control da rede para detectar avarías mediante alertas continuas e novos contadores.
Ademais, o BNG preguntou pola sobrecarga que suporá ao persoal asumir competencias en materia de patrimonio, ao que Pardo respondeu que non ven problema para asumilo. Na petición de que Outeiro de Rei conte cun punto de información catastral, o goberno local indicou que a proximidade da cidade de Lugo fai innecesaria esta medida. Así mesmo, o alcalde trasladou a aos nacionalistas que o Concello non dispón de medios suficientes para asumir o traballo de conservación do patrimonio, aínda que trasladará á Consellería de Cultura a necesidade de máis recursos para a protección e posta en valor do mesmo.