Outeiro de Rei celebrará a Feira da Artesanía con 90 expositores e actividades para toda a familia

LugoXa | TerraChaXa
Todo comezará coa IV Andaina Solidaria do Concello de Outeiro de Rei organizada pola Asociación Somos Unidos por el Cáncer
Feira-Artesanía-Outeiro-de-Rei-2025
16 Jun 2025

A XVII edición da Feira da Artesanía de Outeiro de Rei celébrase o vindeiro sábado, 5 de xullo, con preto de 90 expositores, entre artesanía e alimentación e moitas actividades que encherán de visitantes o municipio.

Con esta feira de artesanía preténdese impulsar e dar a coñecer o traballo do sector artesanal e paralelamente promocionar e dinamizar a actividade económica e turística do municipio. Na sección de artesanía poranse á venda produtos de cerámica, cestería, artesanía da madeira, instrumentos de música tradicional, gancho e calceta, xoiaría, coiro, traxes rexionais, ferro, artesanía téxtil e complementos de moda, decoración, cerería, xabóns, bixutería, esmaltes, macramé, bolillos, manualidades, antigüidades, etc. Pola súa parte,, na sección de alimentación ofertaranse mel, produtos de panadería, embutidos, queixos, chocolates, doces, viños e licores, allos de Vallelado, pementón de La Vera, etc.

Por iso, desde o Concello de Outeiro de Rei animan a participar nunha feira onde haberá gran variedade de produtos exclusivos, ademais de poder gozar dun día especial nunha feira chea de posibilidades e que rematará cunha sesión de fogos de artificio e actuacións musicais con motivo das Festas de Santa Isabel.

Todo comezará coa IV Andaina Solidaria do Concello de Outeiro de Rei organizada pola Asociación Somos Unidos por el Cáncer, asociación presidida por José Manuel Vázquez, andaina na que colabora o Concello de Outeiro de Rei. Está prevista a saída da Praza do Concello ás 10:30 horas e terá un percorrido de 6 km, cun trazado circular de dificultade baixa que contempla a participación tanto infantil como de persoas adultas. Durante o percorrido está previsto un xogo de busca do tesouro dirixido aos nenos e nenas participantes, e ao remate da andaina haberá xogos populares, sorteos, pinchos e entrega de premios. A recadación irá destinada integramente á asociación.

Durante a xornada haberá demostracións en vivo de oficios tradicionais: as olarías de tradición de Sober e Buño e varios artesáns máis, entre eles, o torneiro de Prado-Arzúa-Torneados e a escultora Clara Naseiro. Tamén haberá unha representación da asociación Bolboretas fiandeiras, que realizarán fiado de la; e de membros da asociación Corazóns artesáns, con exhibición de macramé, bolillos, etc.

Ademais, moitos postos da feira contribuirán tamén á vistosidade da mesma facendo demostracións dalgún dos traballos que realizan de forma cotiá na elaboración das pezas que despois venden nestes mercados.

Tampouco faltarán as actuacións musicais, comezando ás 12.00 horas co grupo de música tradicional A Volta do Agro, que estará na inauguración da feira e animando as rúas da mesma no tradicional pasacalles; mentres que ás 13:00 horas actuará diante da Casa Consistorial a banda municipal de música Sons e soños dos concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei, e Friol. Xa a partir das 17:30 horas haberá animación musical polas rúas coa celebración dos cantos de taberna con Son de Outeiro e ás 18.00 horas, na Praza do Concello, está prevista unha exhibición de baile rexional co grupo A Volta do Agro.

Paralelamente, a partir das 12:00 horas e durante toda a ornada, o Hotel Casas da Fortaleza acollerá a iniciativa Encontros coa Música Tradicional, na que está prevista a actuación do grupo Axeigo ás 12.00 horas, de Suso Vahamonde ás 18.00 horas, onde o artista interpretará e explicará o mecanismo, características e funcionamento de nove instrumentos de tradición musical popular galega: gaita, zanfona, requinta, asubío, charrasco, pandeiro, pandeira, pandeireta e trompa; e ás 19:30 horas, co grupo Os Xilgaros de Lugo. Ademais, neste mesmo espazo poderase visitar unha mostra de instrumentos de música tradicional galega de dous artesáns vencellados ao municipio: Xaneco, artesán de instrumentos de percusión tradicional e zanfoñas; e Lis Latas, artesán de gaitas.

MÁIS ACTIVIDADES

Tamén, a partir das 12:00 horas haberá actividades infantís, como obradoiros de maquillaxe na rúa D., obradoiros de xogos populares (socatira, pita cega, carreira popular de sacos, bolos celtas, Mariola, 3 en raia...), taller de globoflexia, e outro de chapas, ademais de diferentes xogos con paracaídas no Campo de Santa Isabel.

Por outro lado, a escola infantil na natureza, Nenea, estará tamén no Campo de Santa Isabel de 12:00 a 20:00 horas informando ás familias sobre o seu proxecto educativo e realizará diferentes talleres con materiais naturais: bombas de sementes, móbiles cheos de natureza, creación colectiva dun tear natural... ademais de xogo libre como o puzzle-pau.

Tampouco faltará a proposta gastronómica, xa que de 12:30 a 14:30 horas haberá unha degustación gratuíta de minihamburguesas  en colaboración coa asociación de criadores de porco celta ASOPORCEL na Praza do Concello. Ademais, como nas pasadas edicións, haberá posibilidade de xantar a partir das 13:30 horas na fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel ben baixo carpa, onde a comida será servida polo Restaurante González ou no propio campo nas tradicionais merendas.

Tamén volverá haber exhibición de figurismo, a partir das 13:00 horas no Campo de Santa Isabel, nas inmediacións do circuíto deportivo, a cargo do escultor Yosi Fervenza que realizará ao longo da xornada unha exhibición de escultura con motoserra convertendo pedazos de madeira en fermosas esculturas que despois transformará nun incrible banco.

Igualmente, a partir das 13:00 horas terá lugar a tradicional Concentración de coches clásicos, á que as persoas interesadas xa poden inscribirse ata o día 27 de xuño ata completar o límite de inscricións establecido en 40. Terán prioridade á hora de cubrir as prazas os veciños e veciñas de Outeiro de Rei que desexen traer un coche clásico á feira.

Xunto á entrada de Santa Isabel, Garatuxa instalará un punto de adopción canina, entidade que está ocupándose a través dun convenio dos cans que recolle o Concello de Outeiro de Rei no seu termo municipal. Garatuxa realizará ao longo da xornada diferentes xogos e repartirá agasallos entre as persoas participantes.

Un ano máis a feira ofrecerá a posibilidade de realizar paseos en kaiak polo río Miño, en horario de 16:30 a 19:30 horas e de forma gratuíta. Esta actividade estará guiada polo Club de piragüismo Cidade de Lugo e para participar nela é preciso ter 7 ou máis anos e saber nadar.

Ás 17:00 horas, nas imediacións da Capela de Santa Isabel, terá lugar unha exhibición e actividade participativa de tiro con arco a cargo da Escola Lucense de Tiro con Arco, representada por Alfonso Fernández, adestrador nacional e presidente da entidade. E ás 17:15 horas, na rúa Avda. Terra Chá, haberá unha exhibición de minimotos organizada pola Escola de Motociclismo de Outeiro de Rei.

Xa ás 17:30 horas sairá o tradicional bus turístico das proximidades do Concello de Outeiro de Rei que visitará o Campo da Feira e as Penas de Rodas en Gaioso, a igrexa de Francos e o Salto do Piago. O percorrido finalizará coa visita á Casa-museo Manuel-María.

Tamén haberá maxia ás 18:30 horas, no atrio da igrexa parroquial de Outeiro de Rei, haberá un espectáculo familiar de maxia a cargo do mago outeirés Manuel Lamas, terá unha duración aproximada de 60 minutos.

Ao igual que nas pasadas edicións, realizarase un sorteo de 30 premios de 50 euros cada un deles. Cada establecemento admitido pola organización da feira recibirá 40 rifas que repartirá entre os seus clientes. Este sorteo é unha iniciativa máis, dentro do programa de eventos que contempla a celebración desta feira, co que se pretende animar á xente a que veña a coñecer este evento premiando a realización de compras en calquera posto da feira. O sorteo terá lugar ás 21:30 horas na caseta do Concello situada nas proximidades da Casa Consistorial.

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO DA FEIRA DE ARTESANÍA DE OUTEIRO DE REI 2025

⚙ Configurar cookies
0.15889096260071