Outeiro de Rei clausura o programa integrado de emprego compartido por 8 concellos

LugoXa | TerraChaXa
Os beneficiarios reciben ensinanzas transversais para abrirse paso no mundo laboral tanto por conta allea como propia
programa-integrado-de-emprego-outeiro-de-rei
27 Sep 2025

A Xunta clausurou hoxe en Outeiro de Rei un programa integrado de emprego compartido por oito concellos, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 220.000 euros.

A directora territorial dese departamento na provincia, Carmen José López, asistiu ao peche da actividade, dirixida a mellorar as posibilidades de inserción laboral dun cento de persoas. A iniciativa foi promovida polo municipio de Outeiro de Rei asociado cos de Rábade, Friol, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abadín e Mondoñedo.

López explicou que os plans integrados de emprego poñen o foco principalmente nas persoas desempregadas de colectivos prioritarios, como os menores de 30 anos, inmigrantes, persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou mulleres vítimas de violencia de xénero.

Os beneficiarios reciben ensinanzas transversais para abrirse paso no mundo laboral tanto por conta allea como propia, en sectores de especial demanda nas zonas nas que se desenvolven.

Para iso, estes programas combinan formacións específicas en sectores de interese para cada contorna con accións xenéricas sobre busca de emprego. Así, impártense contidos relacionados co fomento da capacidade emprendedora, técnicas de coaching, intelixencia emocional ou obradoiros de mobilidade laboral. Ademais, os técnicos realizan a prospección de empresas para a realización de prácticas profesionais e a canalización de ofertas de traballo.

A Xunta destinou a través da última convocatoria 660.000 euros a financiar tres plans integrados de emprego impulsados por concellos da provincia, cun ámbito de actuación que abrangue 22 municipios lucenses. A duración é dun ano.

⚙ Configurar cookies
0.10409498214722