Outeiro de Rei contará cunha actividade de control do estrés o 25N

O Concello de Outeiro de Rei organiza unha formación dedicada ao manexo do estrés e da ansiedade, unha iniciativa enmarcada nas actividades programadas para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A xornada será de carácter gratuíto e desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura o propio 25 de novembro, en horario de 16:30 a 20:30 horas.
A actividade ten como obxectivo ofrecer ferramentas para xestionar as emocións, mellorar o manexo do estrés e da ansiedade e favorecer unha adaptación saudable ás situacións de cambio ou transición vital, como enfermidades ou procesos de dó. Ao longo da sesión abordarase que son o estrés e a ansiedade, os seus síntomas e efectos, as fontes que os xeran e os factores clave que inflúen no seu desenvolvemento. Tamén se explicarán estratexias prácticas para reducir a tensión e fomentar a relaxación, así como pautas para integrar unha xestión emocional máis equilibrada na vida diaria.
A formación será impartida por Jenifer Souto Pérez, enfermeira, educadora e psicóloga da Escola Galega de Saúde para Cidadáns.
As persoas interesadas poden inscribirse até o 21 de novembro a través da web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, mediante o formulario dispoñible no enlace facilitado, contactando cos Servizos Sociais do Concello de Outeiro de Rei no teléfono 982 393 281, co servizo de prevención de condutas aditivas no 982 873 882, ou enviando un correo a prevenciondrogas@rabade.org indicando nome e apelidos, DNI, enderezo e teléfono. Tamén está dispoñible un formulario de inscrición neste enlace.
.