O Concello de Outeiro de Rei vén de presentar oficialmente a Andaina Solidaria contra o Cancro, que se celebrará o vindeiro domingo 22 de xuño na Praza do Concello. O evento, de carácter benéfico, busca sensibilizar á poboación sobre a loita contra esta enfermidade e promover a solidariedade e a participación cidadá.
No acto de presentación estiveron presentes diversas autoridades e representantes institucionais, entre eles o delegado territorial da Xunta de Galicia, Javier Arias Fouz; o presidente da Asociación Contra o Cancro, José Manuel Rozas Bello; a xerente da entidade, Ana Belén Irimia García; así como o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, acompañado pola tenente alcalde, Begoña Seco Varela, e a concelleira Pilar Méndez Lombao.
A xornada dará comezo ás 10:30 horas coa recollida de camisetas, seguida dun taller de doazón de médula ósea ás 11:00. A saída da andaina está prevista para as 11:30, cun percorrido circular de 7 quilómetros de dificultade baixa, pensada para participantes de todas as idades.
Durante toda a mañá, a música e a gastronomía acompañarán esta cita solidaria. A Banda Infantil da Escola de Música Municipal será a encargada de poñer a nota musical, mentres que os asistentes poderán desfrutar de food trucks con produtos do mar, un cortador de xamón e embutidos de porco celta, así como das tradicionais filloeiras de Muimenta, reservadas para os participantes inscritos.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata o 19 de xuño na Casa da Cultura ou chamando ao 982 39 34 08, en horario de 10:00 a 14:30. No caso de choiva, a saída farase dende o pavillón municipal.
Organizada polo Concello de Outeiro de Rei coa colaboración de diferentes entidades locais, esta andaina constitúe unha oportunidade para unir esforzos nun ambiente festivo e familiar, e reivindicar, paso a paso, un futuro máis solidario e comprometido na loita contra o cancro.