Outeiro de Rei presenta a súa programación sociocultural e clausura o Programa Integrado de Emprego

O Concello de Outeiro de Rei celebrará o venres 26 de setembro de 2025 dúas importantes citas no Salón de Actos da Casa da Cultura, nunha xornada que combinará a promoción da cultura e do deporte coa aposta pola formación e o emprego.
Pola mañá, ás 12:00 horas, terá lugar o acto de clausura do Programa Integrado de Emprego 2024/2025, unha iniciativa promovida polo Concello de Outeiro de Rei en colaboración cos concellos de Friol, Rábade, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abadín e Mondoñedo. Durante a sesión farase balance dos resultados acadados nesta edición, coa presenza de representantes institucionais, equipo técnico, alumnado participante e empresas colaboradoras.
Está confirmada a asistencia dos alcaldes e alcaldesas dos municipios organizadores: José Pardo Lombao (Outeiro de Rei), José Ángel Santos Sánchez (Friol), María Remedios González Cabarcos (Rábade), José Ulla Rocha (Begonte), Armando Castosa Alvariño (Cospeito), Francisco Javier Balado Teijeiro (Castro de Rei), José María López Rancaño (Abadín) e Manuel Ángel Otero Legide (Mondoñedo), así como da directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Lugo, Carmen José López. Este evento supón a culminación dun ano de traballo conxunto para fomentar a inserción laboral e o desenvolvemento económico e social da comarca.
Xa pola tarde, ás 20:30 horas, será a quenda da presentación oficial da programación de actividades da tempada 2025/2026, un acto aberto á veciñanza no que se dará a coñecer a ampla oferta cultural, deportiva, social e formativa que o Concello pon en marcha para os próximos meses. Esta programación, dirixida a diferentes idades e intereses, busca reforzar a vida comunitaria e dinamizar a participación cidadá.
Con estas dúas citas, o Concello de Outeiro de Rei reafirma o seu compromiso coa cultura, o deporte, a formación e o emprego, traballando pola mellora da calidade de vida da súa veciñanza e pola cohesión social e económica do territorio.