Outeiro de Rei presenta as actividades vinculadas á muller
O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, e a concelleira de servizos sociais, María José Martínez Vigo realizaron este martes a presentación das Actividades de Promoción da Muller 2023. Finalizada a mesma abriuse xa o prazo de inscrición ata o día 8 de marzo para as actividades programadas para o primeiro semestre do ano.
Entre as actividades que dan comezo figuran varios obradoiros e unha viaxe a Silleda, entre outras actividades.
Comezarase cunha actividade de prevención e control do estrés e da ansiedade con técnicas de relaxación impartido pola psicóloga Tania Merelas Iglesias. Neste obradoiro traballaranse estratexias para a identificación e o manexo do estrés co obxectivo de mellorar a saúde e benestar emocional. Serán 9 sesións de dúas horas cada unha e entre os contidos que se abordarán están o autocoñecemento, para identificar os elementos ou fontes de estrés; a autoestima, para valorar as propias capacidades e ferramentas para abordar o estrés; ferramentas resilientes para enfrontar o estrés e o bo trato como camiño de vida.
Ademais, Amparo Grandío Rodríguez impartirá unha sesión de elaboración de conservas de froitas, verduras e escabeches. A partir duns coñecementos básicos sobre técnicas de envasado e de esterilización, este obradoiro terá como obxectivo aprender a transformar produtos agrarios a través de métodos artesáns co ánimo de poder aproveitar mellor as pequenas producións domésticas. Está prevista a realización de salazóns, conservas con vinagre, conservas agridoces, verduras ao natural, conservación de alimentos cociñados e tamén destinar unha sesión á conxelación.
Haberá tamén un obradoiro de arte floral. Ao longo de catro sesións as participantes aprenderán a realizar diferentes centros e amaños florais, entre eles un ramo en espiral de flor natural que querendo pode converterse nun ramo de flor seca, un centro plano, unha diadema de flor fresca e unha coroa de Nadal.
OUTRAS ACTIVIDADES
A tecnoloxía avanza enormemente e cada vez son maiores os retos aos que temos que facer fronte no día a día desde o punto de vista do uso da internet e dos ordenadores e dos diferentes dispositivos ao noso alcance.
Persoal técnico de Academia Postal atenderá e resolverá as dúbidas das persoas que desexen achegarse á aula informática nas mañás dos sábados do 18 de marzo ao 13 de maio; pódese asistir sempre previa reserva de praza no tfno. da Casa da Cultura (982 393 408), establecéndose para esta actividade, con independencia do número de sesións ás que se asista, unha única cota de 10 €.
Será un bo momento para resolver calquera dúbida que poidamos ter no noso día a día ou de explorar novos temas que nos poidan interesar (banca electrónica, sinatura electrónica, declaración da renda, comercio electrónico, consellos de seguridade na rede, etc.).
Farase tamén unha viaxe á Semana Verde de Silleda. Nesta feira multisectorial pódense atopar un escaparate único con variedade de produtos: alimentación, turismo, caza, pesca e natureza. Ademais estarán representados sectores como a gandería, bioenerxía e pequena maquinaria, mobiliario e artesanía. Outro atractivo é o amplo programa de actividades.
Por outro lado, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o 8 de marzo e trala boa experiencia do ano pasado que permitiu coñecer a 8 mulleres do municipio, ver a diversidade na que viven tanto no que se refire ao mundo laboral como aos distintos puntos de vista e as percepcións que teñen sobre a igualdade, o Concello de Outeiro de Rei volve repetir esta iniciativa pero dándolle un xiro e pretendendo facer unha homenaxe nesta edición ás mulleres maiores do municipio, mulleres inspiradoras doutras moitas, mulleres que abriron camiño.
Este vídeo estase realizando nestas datas pola empresa outeiresa de comunicación BuleBule.
RESTO DO ANO
A programación prevista para 2023 completarase, xa no segundo semestre do ano, con outras actividades como tecendo con fibras vexetais, taichí, produtos de limpeza ecolóxicos e para conmemorar o 25N, a andaina popular contra a violencia de xénero.
Pódese acadar máis información ou realizar as inscricións na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ou no teléfono 982 393 408.
CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO NESTE ENLACE