Outeiro de Rei presenta as súas actividades da muller, para as que está aberta a inscrición

LugoXa | TerraChaXa
Na sesión de presentación, sorteouse unha cesta con produtos de proximidade e a gañadora foi Vanesa, veciña do concello
presentacion-actividades-outeiro-de-rei
8 Feb 2025

O salón de actos da Casa da Cultura de Outeiro de Rei acolleu o acto de presentación da vixésimo quinta edición do Programa de Actividades de Promoción da Muller 2025 nun acto presidido polo alcalde, José Pardo Lombao e a concelleira de Servizos Sociais, Mª José Martínez Vigo.

Os asistentes coñeceron a nova programación que o Concello de Outeiro de Rei porá en marcha ao longo do ano. Ademais, quedou aberto o prazo de inscrición.

Aínda que a programación vai destinada ás mulleres, algunha das actividades previstas estará aberta á participación dos homes. As prazas cubriranse por orde de solicitude e o prazo de inscrición das actividades previstas para o primeiro semestre do ano permanecerá aberto ata o día 21 de febreiro.

Con motivo de celebrar os 25 anos de traxectoria desta programación, o Concello sorteou unha cesta con produtos de proximidade entre as persoas asistentes ao acto (maiores de idade). A gañadora foi Vanesa, veciña do concello de Outeiro de Rei.

Entre as actividades que se presentaron figura unha viaxe á Feira do Cocido de Lalín, que será o 23 de febreiro. No apartado de obradoiros, farase un de coidado de coidadores, outro de solo pélvico e un terceiro de alimentación saudable. Con continuidade están previstos de taichí, teatro e restauración de mobles.

Por outro lado, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, o Concello de Outeiro de Rei presentará o vídeo Coidadoras_concello de Outeiro de Rei. Nesta ocasión, o Concello quere recoñecer o importante traballo que desempeñan as mulleres que se dedican ao coidado das persoas maiores ou de calquera persoa dependente, mulleres que coidan dos seus familiares ou persoas do seu entorno, mulleres que asumen o rol do labor dos coidados por cuestións de xénero, coidados que sosteñen o día a día de moitas persoas e familias. Este vídeo está previsto se realice nestas datas pola produtora audiovisual Granerovídeo.

A programación prevista para 2025 completarase, xa no segundo semestre do ano, coas actividades de cestería creativa con fibras vexetais, repostería, educación financeira. Con motivo da celebración do 25 N, volverá repetirse a Andaina contra a Violencia de Xénero. Ademais, o propio día 25 de novembro, está previsto o obradoiro Manexo do Estrés e da Ansiedade.

Lembrar que na web municipal outeiroderei.gal existe un enlace ao Correo da Igualdade, no que a través dun formulario ao que se pode acceder dende a web municipal as persoas que o desexen poderán realizar as súas achegas ou suxestións en materia de igualdade.

Coma sempre, as actividades previstas para mulleres nas que non se cubran as prazas ofertadas poderán ser cubertas por homes.

Provisionalmente e ata novo aviso, as inscricións nas actividades do primeiro semestre realizaranse no Concello de Outeiro de Rei, coa salvedade da actividade de Taichí, na que as inscricións se realizarán na Casa da Cultura, no servizo de Deportes.

0.17385983467102