Outeiro de Rei vibra cunha fin de semana de fútbol base e coas finais da Copa de fútbol sala

Outeiro de Rei converteuse esta fin de semana nun punto de encontro para o deporte base, coa celebración dos torneos de fútbol nas categorías biberón, prebenxamín e benxamín, así como das finais da Copa de fútbol sala. Máis de 3.000 persoas pasaron polas instalacións deportivas do municipio durante tres días marcados polo bo tempo e un excelente ambiente.
O venres 30 de maio celebrouse o torneo de categoría biberón, no que participaron 15 equipos. Os máis pequenos desfrutaron dunha tarde de fútbol, xogos e convivencia, enchendo de ledicia e ilusión o campo municipal.
O sábado 31 foi a quenda dos prebenxamíns. O campión foi o AD Santiago de Foz, mentres que o subcampión foi a Escola de Fútbol Polvorín. O premio ao mellor porteiro recaeu en Izan Carballo, da EF Polvorín, e o de mellor xogador foi para Pablo Álvarez, do AD Santiago de Foz.
O domingo 1 de xuño disputouse o torneo de categoría benxamín. O equipo AD Río Ouro A proclamouse campión, mentres que o CP Maristas acadou o subcampionato. Mario Martín, do CP Maristas, foi distinguido como mellor porteiro e Roma Valermoso como mellor xogador do torneo.
O campo municipal estivo cheo en cada xornada, reflectindo o apoio masivo das familias, afeccionados e veciñanza, que quixeron acompañar os máis pequenos nun evento xa consolidado no calendario deportivo local.
Ao mesmo tempo, o sábado 31 tiveron lugar no pavillón municipal as finais da Copa de fútbol sala. A competición contou cunha gran acollida e un alto nivel de participación, coa celebración das finais nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. Os equipos campións e subcampións de cada categoría recibiron os seus correspondentes trofeos, poñendo o broche de ouro a unha xornada de intensa actividade deportiva.