Outeiro de Rei vivirá unha intensa Feira de Artesanía este sábado
Outeiro de Rei prepárase para vivir este sábado a súa Feira de Artesanía, celebración grande do Concello, que coincide coas festas patronais na honra de Santa Isabel, e que acada a súa XVI edición cunha serie de actividades paralelas coas que se pretende dar máis pulo aínda a esta tradicional celebración.
Está prevista a participación de preto de 90 expositores. Na actualidade teñen confirmada asistencia 63 postos de artesanía e 18 de alimentación.
Na sección de artesanía poranse á venda produtos de cerámica, cestería, artesanía da madeira, instrumentos de música tradicional, gancho e calceta, xoiaría, coiro, traxes rexionais, ferro, artesanía téxtil e complementos de moda, decoración, cartón pedra, cerería, cosmética natural e xabóns naturais, bixutería, esmaltes, cantaría, macramé, bolillos, manualidades, antigüidades, etc.
Paralelamente, na sección de alimentación ofertaranse mel, produtos de panadería, embutidos, queixos, chocolates, doces, viños e licores e outros.
O PROGRAMA
O programa da feira iniciase coa III Andaina Solidaria do Concello de Outeiro de Rei organizada pola Asociación Somos Unidos por el cáncer, asociación presidida por José Manuel Vázquez, andaina na que colabora o Concello de Outeiro de Rei. Está prevista a saída da Praza do Concello ás 10:30 h; o trazado da andaina terá un percorrido de 6 km, é un trazado circular de dificultade baixa.
A recadación irá destinada integramente á asociación SOMOS para os seus fins sociais. As persoas interesadas en participar poderán realizar as súas inscricións realizando o pago da cota a través da plataforma Bizum, no tíno. 636 511 928, achegando nome e apelidos, xustificante do ingreso xunto ao concepto: Carreira Outeiro; o custe da inscrición é de 3 €. Tamén pódese realizar a inscrición media hora da saída, na Praza do Concello.
Ao longo da xornada haberá demostracións en vivo de oficios tradicionais: as olarías de tradición de Sober e Buño estarán presentes nesta décima sexta edición da feira e varios artesáns máis, entre eles o zoqueiro Alberto Geada. Tamén haberá unha representación da asociación Bolboretas fiandeiras que realizarán fiado de la e de membros da asociación Corazóns artesáns con exhibición de macramé, bolillos...; moitos postos da feira contribuirán tamén á vistosidade da mesma facendo demostración dalgún dos traballos que realizan de forma cotiá na elaboración das pezas que despois venden nestes mercados.
Dende primeira hora da mañá haberá varios puntos solidarios para contribuír á recadación de fondos para distintos fins sociais: un deles para mercar un can de asistencia para Rodri, un neno de Outeiro de Rei cuxos pais seguen a recadar fondos a través da venda de diferente merchandising, recadación que será ingresada na conta aberta para este neno pola entidade sen ánimo de lucro Dog Point, especializada en adestramento, acollemento e seguimento de cans de servizo para nenos e nenas con TEA. Ademais, as entidades Miradas al Mundo e Somos Unidos por el Cáncer tamén terán o seu espazo na feira.
A partir tamén das 12:00 h, están previstos varios obradoiros dirixidos a menores, entre eles modelado de barro e obradoiro de maquillaxe nas rúas Manuel María e D.
O Campo de Santa Isabel será o espazo que acolla varios obradoiros, entre eles, obradoiro de xogos populares (socatira, pita cega, carreira popular de sacos, bolos celtas, 3 en raia...), un taller de globoflexia, outro de manualidades ademais de diferentes xogos con paracaídas. Estas actividades están na súa maior parte dirixidas a un público infantil con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos.
De 12:00 h a 14:00 h está previsto na Praza do Concello unha degustación gratuíta de minihamburguesas a cargo do Concello de Outeiro de Rei en colaboración coa asociación de criadores de porco celta Asoporcel.
A partir das 13:00 h no Campo de Santa Isabel, nas inmediacións do circuíto deportivo, está previsto o inicio dunha exhibición de figurismo a cargo dos escultores Marcos Mariño e Yosi Fervenza, que realizarán ao longo da xornada unha exhibición de escultura con motoserra.
ACTUACIÓNS
Para ese día están previstas tamén varias actuacións. Así ás 12:00 h o grupo de gaitas Nubeiro de Lugo estará na inauguración da feira e animando as rúas da mesma no tradicional pasacalle; ás 13:00 h actuará diante da casa consistorial a banda municipal de música Sons e soños dos concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei, e Friol, a partir das 17:30 h haberá animación musical polas rúas da feira a cargo de Nubeiro e do grupo de cantos de taberna Son de Outeiro.
Igualmente, a partir das 13:00 h, no Campo de Santa Isabel terá lugar a tradicional Concentración de coches clásicos. Neste mesmo espazo, á entrada do Campo de Santa Isabel, instalarase un punto de adopción canina a cargo da empresa outeiresa Garatuxa que está ocupándose a través dun convenio dos cans que recolle o Concello de Outeiro de Rei no seu termo municipal. As adopcións que se realicen ese día recibirán algún agasallo destinado á alimentación e coidado do can adoptado e poderán non ter ningún custe para a persoa que adopte se o can é un dos que o Concello de Outeiro de Rei teña nese momento en acollemento (actualmente hai nove), e a persoa interesada solicita a axuda de 100 € que ten aberta o Concello para fomentar a adopción de cans abandonados.
Como nas pasadas edicións, haberá posibilidade de xantar a partir das 13:30 horas na fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel ben baixo carpa, onde a comida será servida polo Restaurante González ou no propio campo nas tradicionais merendas.
Un ano máis a feira ofrecerá a posibilidade de realizar paseos en kaiak polo río Miño, en horario de 16:30 h a 19:30 horas e de forma gratuíta. Esta actividade estará guiada polo Club de piragüismo Cidade de Lugo e para participar nela é preciso ter 7 ou máis anos e saber nadar.
HORARIO DE TARDE
Ás 17:15 h, na avenida Terra Chá, haberá unha exhibición de minimotos organizada pola Escola de Motociclismo de Outeiro de Rei, e ás 17:30 h sairá o tradicional bus turístico das proximidades do concello, que visitará o campo da feira e as Penas de Rodas en Gaioso, a igrexa de Robra e o Salto do Piago. O percorrido finalizará coa visita á casa-museo Manuel-María.
As prazas son limitadas polo que para participar nesta actividade gratuíta é necesario inscribirse previamente na mesma o día da feira na caseta do Concello instalada nas inmediacións da casa consistorial.
Ás 18:00 h, ao lado da Capela de Santa Isabel, terá lugar unha exhibición e actividade participativa de tiro con arco a cargo da Escola Lucense de Tiro con Arco representada por Alfonso Fernández, adestrador nacional e presidente da entidade.
Media hora despois, no atrio da igrexa parroquial de Outeiro de Rei, haberá un espectáculo familiar de maxia a cargo do mago outeirés David Méndez, terá unha duración aproximada de 60 minutos. Ao igual que nas pasadas edicións, realizarase un sorteo de premios de 50 euros cada un deles, nesta ocasión repartiranse un total de 30 premios fronte aos 20 destes anos anteriores.
Cada establecemento admitido pola organización da feira terá 40 rifas que repartirá entre os seus clientes.
Este sorteo é unha iniciativa máis, dentro do programa de eventos que contempla a celebración desta feira, co que se pretende animar á xente a que veña a coñecer este evento premiando a realización de compras en calquera posto.
O sorteo terá lugar ás 21:30 horas na caseta do Concello situada nas proximidades da casa
consistorial.
Ao longo da xornada, e ata esgotar existencias, repartiranse sen custo económico na caseta do Concello cadernos comemorativos da feira que se poderán personalizar co nome da persoa que se desexe na caseta ca empresa Laser Lucus terá situada na rúa D. Para obtelas será requisito responder correctamente á unha pregunta sobre Outeiro de Rei que o persoal do Concello realizará á persoa interesada.
Con esta feira de artesanía pretendese impulsar e dar a coñecer o traballo do sector artesanal e paralelamente promocionar e dinamizar a actividade económica e turística do municipio.
Dende estas liñas, o Concello de Outeiro de Rei anima ao público en xeral a vir a unha feira onde poderán atopar gran variedade de produtos, produtos exclusivos e que non se poden mercar normalmente nos comercios habituais ademais de poder gozar dun día especial nunha feira chea de posibilidades, acolledora e repleta de boas sensacións.