Outras vinte asociacións abandonan a Federación veciñal Lucus Augusti

LugoXa
As entidades asinantes sinalan como causa principal desta medida os feitos acontecidos durante a Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa
asociacions-vecinal-sede-lugo
3 Jun 2025

As asociacións veciñais María Rosalía Rita de Castro, Agra da Riba, Lamas de Prado – Castiñeiro, As Penas – Fervedoira, Barrio Paradai, Oito Lugares Santa María de Bóveda, Coeses Agro Maior, San Pedro de Soñar, Cruceiro San Lorenzo de Recimil e Rúa Alta veñen de facer pública a súa decisión conxunta de abandonar a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti.

As entidades asinantes sinalan como causa principal desta medida os "graves" feitos acontecidos durante a Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa, celebrada o pasado 24 de maio de 2025. Durante o acto inaugural, denuncian que dúas concelleiras electas do Concello de Lugo foron impedidas de acceder ao recinto da feira pola súa afinidade ideolóxica. Segundo expresan, este veto institucional resulta "inxustificable nunha sociedade democrática", especialmente tendo en conta que se trataba dun evento financiado con fondos públicos e aberto á cidadanía.

As asociacións consideran que o ocorrido supón unha vulneración dos dereitos fundamentais recollidos na Constitución, xa que a participación institucional non pode estar condicionada por simpatías políticas. “Todas as persoas elixidas democraticamente teñen dereito a estar presentes nos espazos públicos sen ser discriminadas”, sinalan no seu comunicado.

Critican tamén a falta de resposta por parte da propia Federación Lucus Augusti, que non emitiu ningunha condena pública nin promoveu diálogo interno. “O silencio institucional é unha forma de complicidade que contribúe a normalizar comportamentos excluíntes”, afirman.

Durante anos, estas entidades aseguran ter traballado con independencia, pluralidade e vocación de servizo público, colaborando con administracións de distintas cores políticas. Porén, consideran que non poden continuar formando parte dunha estrutura “pechada ao diálogo e afastada dos valores democráticos”.

Con esta decisión, fan un chamamento ao conxunto do tecido asociativo e ás administracións públicas para revisar os mecanismos de participación, garantir a neutralidade en actos financiados con cartos públicos e protexer o dereito de representación da cidadanía.

Finalmente, as asociacións comprométense a seguir traballando de forma coordinada e autónoma, impulsando espazos veciñais “inclusivos, colaborativos e abertos a todas as persoas e entidades que compartan estes principios”. A súa saída da Federación, conclúen, non implica un afastamento da acción social, senón unha reafirmación dos valores de pluralidade, responsabilidade institucional e defensa activa da democracia participativa.

⚙ Configurar cookies
0.17532587051392