Outro Garañón...na Muralla? esixe a paralización das obras no Camiño Primitivo
O colectivo Outro Garañón...na Muralla? concentrouse esta mañá diante do concello de Lugo para pedir a paralización das obras de urbanización que se están a acometer na confluencia do Camiño Primitivo coa Muralla. Segundo explican, os dous Patrimonios da Humanidade, estanse a ver afectados por estas obras.
Outro Garañón...na Muralla? pide tamén que o Concello de Lugo retire a modificación puntual do PEPRI no quinteiro 214A, e a redacción dun novo plan máis respectuoso co lugar con tanto valor histórico e patrimonial para a cidade.
Dende o colectivo, que xa se mobilizou o pasado luns, anuncian novas concentracións. A próxima terá lugar o luns 27 de xuño ás 20 horas, nas inmediacións da Porta de San Pedro. E avanzan que repetiran, semanalmente, estas accións ata conseguir a paralización das obras.